Críticas

As organizacións para o desenvolvemento denuncian a España ante a ONU polos recortes sociais

Até 20 colectivos acusan a Rajoy de incumprir compromisos internacionais cunhas medidas que ''derrogan garantías legais dos dereitos sociais'' e que deixan espidas xustamente ás persoas máis vulnerables: mulleres, migrantes, xitanas, discapacitadas e nenas

Unha vintena de ONGDs van denunciar ante o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU que España incumpre compromisos internacionais, principalmente polas políticas adoptadas en resposta á crise económica, "que derrogan garantías legais dos dereitos sociais". España vai ser avaliada o vindeiro luns por este organismo de Nacións Unidas, integrado por 19 expertos independentes, encargados de redactar recomendacións aos estados que ratificaron o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais sobre o cumprimento dos seus compromisos.

O comité analizará o informe de rendición de contas remitido polo Goberno español e outros dous por ONGDs, un elaborado por Amnistía Internacional e o outro consensuado por unha coalición de 19 organizacións, como a Asociación Española para o Dereito Internacional dos Dereitos Humanos, a Coordinadora de ONG de desenvolvemento ou o Centro polos Dereitos Económicos e Sociais.

As organizacións de dereitos humanos coinciden en denunciar que o Estado español non está a protexer os dereitos sociais e así o van a expor catro representantes da sociedade civil na sede deste organismo en Xenebra.

Un deles, Vanesa Valiño, do Observatori DESC, asegura que "o Estado non está nin de lonxe dando cumprimento aos os compromisos internacionais, senón que máis ben está a profundar o recorte en dereitos sociais para saír da crise". "A nosa análise é que todas as políticas que se están impulsando, coma a reforma laboral, o código de boas prácticas das entidades financeiras en materia de execucións hipotecarias ou a reforma sanitaria, o que fan é empeorar máis a situación dos colectivos en situación de vulnerabilidade", explicou Valiño.

Inciden na desprotección dos máis vulnerables
A 19 ONGDs mostran no seu informe a súa preocupación por "a notable regresividade na protección e o goce dos dereitos económicos, sociais e culturais" das medidas adoptadas pola crise, a desigual distribución de recursos no Estado que xera diferenzas entre zonas xeográficas e a ausencia de medidas de protección social para as persoas máis vulnerables, coma as mulleres, a poboación migrante, as persoas con diversidade funcional, a poboación xitana ou a infancia.

As medidas de austeridade fiscal "non só se limitan á redución de investimento social até extremos que afectan o contido esencial dos dereitos recoñecidos no pacto internacional, senón que para axustarse á reducida marxe orzamentaria modifican e derrogan garantías legais dos dereitos sociais".

Así, as organizacións para o desenvolvemento que asinan o informe destacan "a crecente deterioración nas condicións de vida de gran parte da poboación e as importantes repercusións que terán no goce dos dereitos humanos", a "elevada taxa de pobreza infantil" ou "a enorme porcentaxe de desemprego xuvenil, de case o 50 por cento". Así, solicitan ao comité que inste o Estado español a non adoptar medidas regresivas e a non utilizar a crise "como xustificación para relegar a un segundo plano estes dereitos".

Máis en Mundo
Comentarios