Opinión

As lecturas II

A pasada semana falaba das lecturas, do seu dobre obxectivo (enfeitizar e formar), do traballo previo de selección que cómpre facer e dos criterios que deben guiar as nosas propostas. Mentres pensaba o artigo, na miña imaxinación aparecía a portada descolorida do título que asocio á época do instituto, aquel inicio da década dos 80 en que tiven o privilexio de ser a primeira xeración que recibía aulas de lingua e literatura galega en Secundaria: Un ano e un día, de Xosé Manuel Martínez Oca.

Entón, pasóuseme pola cabeza facer un pequeno cuestionario nas redes. En seis días recollín 82 respostas. A conclusión da sondaxe é clara, coas lecturas, pasa como cos gustos. Hai a quen lle gusta o chocolate e quen non o tolera. Unhas prefiren o salgado, outros o doce. Por iso os títulos máis repetidos responden ás dúas preguntas feitas: “Dos libros que che recomendaron ler na materia de lingua e literatura galega, cal lembras intensamente porque che gustou?” e “Cal lembras xustamente porque non che gustou?” E eses libros son: A esmorga, A nosa Cinza e Polaroid que ocupan o 1º, o 2º e o 3º lugar respectivamente nas dúas respostas, aínda que son máis citados como libros que gustaron.

Outros libros amados foron: Memorias dun neno labrego, Cartas de Inverno, O misterio das badaladas, Os vellos non deben de namorarse, O mecanoscrito da segunda orixe, O porco de pé. E os menos amados: Anagnórise, Con pólvora e magnolias ou O triángulo inscrito na circunferencia.

Como pode verse, maioritariamente narrativa galega, cunha certa presenza de títulos clásicos. E algo que procuro contrarrestar eu nos últimos tempos, títulos escritos maioritariamente por autores. As escritoras, a penas representan o 20% dos títulos nomeados: Rosalía de Castro, F. Casalderrey, M. Mayoral, R. Aneiros, B. Caamaño.

Coido que aínda temos moito traballo por diante para mostrar toda a nosa riqueza literaria. A poesía, o teatro, as autoras deben ser prioridades para ese dobre obxectivo de formar e seducir.

Comentarios