Opinión

As galiñas e as pensións

Váiseme xuntando pan na casa, pan que comprei e non comín e non sei que facer del. Dóeme pensar que o pan "sobra", dóeme tirar con el. Non podo evitar o remol da vella tradición, da vella educación que recibín, dos vellos (ou de quen vai ser logo?), unha cultura que é a miña, tamén. Tamén levo dentro esa "mala conciencia", que non é mala, que é boa, e que neste momento tenme así parado coa bolsa de pan na man no medio da cociña sen saber que facer co pan. Penso se dalo na casa da veciña, pois ten galiñas e xa llo teño dado, mais ela tenme dado tamén ovos e precisamente por iso non estou en darllo, non quero que pense que o pan é a cambio dos ovos. Como se pode complicar un a vida. O caso é que somos como somos e, non nos enganemos, a estas alturas da vida non temos amaño e eu vou darlle un bico ao pan e mandalo ao lixo. 

A vida foi indo de maneira que case nada das cousas, boas e más, que me aprenderon de miúdo serve xa. Onde vai a miña cartilla de aforros da Caixa de Aforros da miña cidade! Quen ma roubou! Ladróns que rouban os aforriños dos nenos, dos vellos, da xente! 

A vida foi indo de maneira que case nada das cousas, boas e más, que me aprenderon de miúdo serve xa

 

Foi indo pouco e pouco este gran roubo, mais agora este goberno Rajoy xa fixo méritos para pasar ás páxinas máis negras do libro de Historia, non esqueceremos, está a roubarnos até o miolo. Rajoy e o tal Guindo baleiraron a caixa de pensións, é dicir roubaron os aforros da gran caixa de aforro que era o estado. Era e xa non é. E, aínda por riba, quere que lle compremos un plan de pensións á banca. O tamaño do roubo, do delito, e que sexa impune e a vista de todos demostra que estamos baixo un estado totalitario. Nunha sociedade normal e baixo un estado democrático Rajoy estaría preso hai moito tempo, é evidente. Non o está e o seu partido volveu ser votado por millóns de persoas, a maioría prexudicadas por este roubo enorme, e moitos volverano votar. Iso non acontece baixo condicións normais, é unha forma de loucura que só se explica pola continuidade deste salvaxismo histórico chamado franquismo. Estamos baixo a continuidade do franquismo, unha nova fase. E quen vota a quen lle rouba a pensión e arruina aos seus fillos e netos ou é franquista ou está efectivamente afectado pola infección franquista. É o que hai e non hai máis. Aínda din que Polonia e Turquía teñen un déficit democrático. 

Comentarios