As formas de Nós

Pepe Barro, deseñador, responsábel da creación do proxecto gráfico de Nós Diario, dá conta da evolución da forma "Nós".
pepebarro
photo_camera pepe-barro

Castelao deseña o seu ‘Nós’ dentro da arte-nova, dentro do canon que marcara Willam Morris (1834-1896), o iniciador do estilo, que procurara as formas na tipografía e no deseño renacentista dos incunábeis, os libros impresos antes de 1500. Na arte-nova todos renovan ollando o pasado e Castelao bota os ollos ás letras do Pórtico da Gloria —mesmo citando os monstros, esmagados pola pedra que contén o título ou no cabeceiro—, son as mesmas letras que aparecen en moitas inscricións medievais galegas. Reiterando o seu uso, con moitas variación formais, Castelao logra identificar estas letras co Galeguismo. A primeira capa de ‘Nós’ deséñaa con ousada sinxeleza, case sen máis nada que o logotipo, pero a partir do número 10 aparece a icónica capa que no número 28 acada a súa forma definitiva.


Pero hoxe o novo deseño de Nós non debe repetir as formas. O nome xa fala de historia, de cultura, de Galeguismo. O novo deseño debe expresar futuro e tal coma fixo Castelao usamos os códigos do noso tempo, do deseño internacional. Procuramos unhas letras con valores branco-negro semellantes ao ‘Nós’ histórico, e só revirando o acento, ampliándoo e pintándoo de azul dicimos Galiza: todos e todas «a nosa voz entenden».

Máis en Nós Diario
Comentarios