Imprimir

Arxentina e Uruguai estudan o Miño para mellorar a xestión transfronteiriza do río que comparten

Redacción | 20 de novembro de 2020

Uxío Benítez Fernández participou hoxe nun foro para presentar o exemplo do río Miño. (Foto: Deputación de Pontevedra)
Uxío Benítez Fernández participou hoxe nun foro para presentar o exemplo do río Miño. (Foto: Deputación de Pontevedra)
O deputado Uxío Benítez compareceu nun seminario técnico para explicar a cooperación que existe entre Galiza e Portugal na xestión do río que fai de fronteira natural. Para o Comité para o Desenvolvemento da Conca do Río Uruguai (CCRU) a AECT Rio Minho é "unha das principais experiencias europeas de integración transfronteiriza".

A Deputación de Pontevedra participou esta sexta feira nunha xornada online con motivo do X Aniversario do Comité para o desenvolvemento da Conca do Río Uruguai (CCRU) que quixo coñecer de preto os exemplos de xestión do río Miño e do Rin para mellorar a colaboración transfronteiriza entre Arxentina e Uruguai.

O deputado Uxío Benítez foi o encargado de falar polo Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Miño (AECT Rio Minho), que malia crearse en 2018, xa é unha referencia a imitar. De feito, no seminario falaron desta experiencia como unhaa das principais de europa no que se refire a "integración transfronteirixa". Para os expertos, esta coordinación arredor do río está ao nivel da conca do río Rin, que atravesa seis países.

Ao aludir á AECT como un referente "claro na defensa e xestión do territorio miñoto”, Benítez explicou que a Deputación asumiu a coordinación "das necesidades dos concellos ribeiráns en momentos chave como o peche de fronteiras entre España e Portugal por mor da Covid-19, reclamando a súa apertura".

Igualmente lembrou que o organismo traballa agora para acadar unha unidade de criterios da Xunta e o goberno portugués á hora de aplicar a normativa europea no espazo Rede Natura 2000 declarado no entorno do Miño. Polo momento xa existe unha financiación europea para este asunto.

"Instrumento de cooperación"

O político nacionalista destacou, na súa intervención, que o AECT pode verse como un modelo de xestión administrativa, “un instrumento privilexiado de cooperación, que coñece de primeira man e de maneira local, as necesidades dun territorio común a pesares de estar dividido administrativamente entre os estados español e portugués".

Aliás, como proba o feito de que xa chegaron fondos da Comisión Europea, representa "un medio xurídico que permite optar e xestionar fondos de xeito áxil, promover e organizar accións" cooperativas e funcionar como un foro estábel para falar asuntos vinculados ao Miño.

Xunto co Rin, a proposta galega foi a única internacional que tivo espazo no seminario e, por iso, a Deputación tamén aproveitou para explicar que existe unha estratexia a dez anos, das liñas a traballar para desenvolver o territorio miñoto.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/arxentina-uruguai-estudan-mino-mellorar-xestion-transfronteiriza-do-rio-comparten/20201120191422109512.html


© 2020 Nós Diario