Arxentina fai xustiza coas vítimas que nega España

Comezaron na Coruña unhas xornadas de memoria democrática coa intervención de Máximo Castex, un dos avogados que iniciou hai sete anos a querela arxentina, o único proceso xudicial aberto en todo o mundo contra os crimes do franquismo entre 1936 e 1977, impulsado pola denuncia dun galego, Darío Rivas, e que sofre unha constante obstrución por parte da xustiza española malia as advertencias de Nacións Unidas, a última delas hai apenas dous meses.

Máximo Castex, onte no Paraninfo da UDC (1)
photo_camera Máximo Castex, onte no Paraninfo da UDC.

“Todo un idioma común nos separa a españois e arxentinos”, dixera hai menos dun ano, tamén nun foro na Coruña, Ana Messuti. Citaba a Borges para explicar con retranca os obstáculos que está encontrando a xustiza arxentina na xustiza española. Ana Messuti é unha das avogadas que representa ás vítimas no único proceso que se segue no mundo contra o franquismo. A xustiza arxentina representa á xustiza universal, ese principio que di que non pode ficar só en mans dos Estados o xuízo de calquera represión sistemática contra civís da que fixo parte ou foi amparada por ese mesmo Estado. A xustiza española representa, cando menos neste caso (xa se está vendo que tamén noutros), a salvagarda do Estado.

“Parece que non falamos o mesmo idioma”, dixo onte na inauguración das xornadas sobre memoria e democracia Máximo Castex, un dos avogados que traballa en Bos Aires na querela arxentina, ese proceso que acumula xa 23.000 folios en 90 tomos no Juzgado Nacional en lo Criminal y Correccional Federal número 1 da capital da República Arxentina. Xúlgase un plan sistemático e xeneralizado da oposición política por parte do réxime franquista até o 15 de xuño de 1977 que a xustiza do Reino de España non quere coñecer nin facilita que sexa coñecido pola xustiza universal.

“Pensei que houbera unha errata”, dixo con retranca Goretti Sanmartín, a vicepresidenta da Deputación, na presentación xunto ao reitor e o alcalde. “Pensei que esqueceran o acento e onde di memoria e democracia debía dicir memoria é democracia”. Nesas andamos, na procura das vítimas e da democracia, corenta anos despois do 77, e precisamente esta sexta feira será CeAQUA, unha das organizacións españolas que colaboran cos máis de catrocentos querelantes entre particulares e institucións a que vai presentar na sede do Lexislativo en Madrid unha iniciativa para a derrogación da lei de amnistía daquel mesmo ano que tantas pedras pon no camiño de quen anda á procura das vítimas e da xustiza.

Non faltan voces, no Estado, na Arxentina e mesmo en Xenebra, que reclaman ao Reino de España que cumpra coa lexislación internacional e cos dereitos humanos. Hai apenas dous meses o Grupo de Traballo sobre desaparicións forzadas ou involuntarias da ONU emitiu outro informe que contiña, entre outras, esta observación: “Especialmente preocupante resulta constatar que a maioría das recomendacións fundamentais para que os familiares de persoas desaparecidas durante a Guerra Civil e a ditadura poidan investigar a sorte de seus seres queridos, ter acceso á verdade, á xustiza e a reparacións que non foron desenvolvidas, e que ata está data [7 de setembro de 2017] os familiares fican á súa propia sorte. Ata esta data o Estado español non ten actuado coa debida urxencia e celeridade en materia de desaparicións forzadas nin asumiu un rol de liderado para asegurar unha política de Estado como se tiña recomendado no informe de visita [do Grupo de Traballo en 2013]”.

Goretti Sanmartín na inauguración das xornadas de memoria e democracia

A última obstrución da xustiza española foi un ditame en outubro de 2016 da Fiscalía General del Estado rexeitando os exhortos da xuíz María Servini, que segue o caso en Bos Aires, para recoller as testemuñas das vítimas. Ese ditame, que onte Máximo Castex cualificou de “repulsivo” porque argumenta que “o que se estaba pedindo era alleo ao interese de xustiza e mesmo crebaría gravemente a legalidade”, non impediu sen embargo que se recolleran en xulgados cataláns e vascos novas testemuñas que incorporar á causa. “Hai que ver cal é a reacción dos xuíces, estes casos dannos esperanzas porque o ditame vai dirixido aos fiscais. Non é a primeira vez que nos puxeron obstáculos. Cando solicitamos as vídeoconferencias, opuxéronse. Despois chegou o tempo no que se puideron facer. Á exhumación no caso Timoteo Mendieta o xulgado opuxerase pero finalmente, tres anos despois, puidemos facela… agora co informe da ONU, volvemos solicitar as exhumacións que se seguen a rexeitar”, conta Castex despois da conferencia na que pasou un breve vídeo do enterro en Madrid o pasado verán dos restos de Timoteo Mendieta, asasinado e levado a unha fosa común en Guadalaxara durante a guerra e recuperados polo empeño da súa filla Asunción, unha nonaxenaria que mesmo viaxou á Arxentina para declarar diante de Servini. “A historia de Asunción demostra que isto si pecha feridas”, confesou o avogado, “ao remate do enterro, achegóuselle unha muller e pediulle perdón. Era a neta do home que matou a seu pai”.

A xustiza que persigue Arxentina para as vítimas que nega España ten que ver con desaparicións forzadas (4.699 na Galiza do 36 ao 39, recordou Castex con datos do Proxecto Nomes e Voces), fusilamentos (1.756 no país), cárcere (1.597 perpetuas ditadas en Galiza e 1.981 con diferentes penas), traballo escravo, torturas, roubo de menores, maltrato en institucións preventivas e exilio ou desprazamento obrigado. A querela arxentina é un asunto complexo pola diversidade dos crimes e pola dificultade de recoller testemuñas. “Non só pola idade das vítimas, tamén polo esquecemento máis ou menos inconsciente”, di Castex, que relata unha visita a Euskadi onde unha muller dá conta dos tormentos ao pai e cala. “Ana [Messuti] díxolle que continuara, que falara do seu… Fora violada, pero ou non quería sentirse vítima ou non se identificaba como tal”.

A adaptación lexislativa e os culpábeis vivos

Castex recorda que si as leis universais permiten xulgar os crimes do franquismo na Arxentina, non habería ningún problema para facelo no Estado español, que é cuestión de vontade, e querer adaptar as leis (como se fixo en Arxentina despois da ditadura coas leis de impunidade: a de Obediencia debida e a de Punto final) aos principios da xustiza internacional, facelas democráticas, e nese sentido saúda calquera iniciativa para derrogar a lei de amnistía que segue blindando moitos dos abusos do franquismo. “Creo que moitos dos obstáculos que fomos atopando nestes anos por parte da xustiza española teñen que ver co que pasou durante a transición, con como determinadas instancias conseguiron manterse dentro do aparato estatal… e percibimos certo medo a que procesos como o da querela arxentina tiren con esa imaxe da transición e da democracia española. Mais o que pasou cos Mendieta demostra que as cousas poden rematar ben… a loita de Asunción rematou o 1 de xullo enterrando a seu pai. Non hai nada máis que iso”.

Porén, aparte das exhumacións e outros crimes cometidos durante a guerra ou nos primeiros anos da ditadura, hai crimes máis recentes e culpábeis vivos aos que Servini imputou. Chegou a pedir a extradición de catro persoas (en setembro do 2013) e despois vinte máis (en outubro de 2014). Quedan 17 vivos, entre eles cargos públicos e membros de forzas de seguridade. As defensas particulares apelaron a problemas de saúde, á idade, para evitar calquera posibilidade de extradición. Servini viaxou a España en dúas ocasións, e mesmo puido asistir ás declaración de algúns imputados na Audiencia Nacional. Abriu unha vía para que a xustiza española actuará. Pero non se fixo máis aquí. Agora hai vítimas que empezan a denunciar en España a presuntos responsábeis que seguen vivos. A última, esta semana, unha muller que tiña 26 anos en 1974 cando caeu nas mans de Antonio Pacheco, Billy El Niño.

Servini imputou a Rodolfo Martín Villa (83 anos) ao que considera responsábel das mortes de Vitoria en marzo de 1976. A defensa de Martín Villa leva meses pelexando por adiar a súa declaración. Acaba de conseguir rebaixar a fianza que garanta que, no caso de que acceda a viaxar a Arxentina, non pasará pola prisión preventiva. “Ata hoxe, a xustiza española opúxose a todo, pero non hai que ir tan arriba como un ministro, están obstaculizando o proceso contra policías. Probablemente o Goberno español pense que se ceden nunha cuestión destas se puidera chegar antes ate os máximos responsábeis vivos. Con Martín Villa as cousas dependen del, pediu declarar como estratexia de defensa… Pode viaxar ou facelo aquí. Cando chegou a comisión rogatoria para que declarase aquí, o xulgado denegouno. Pasou o mesmo cos outros 16 imputados”.

Hoxe, o Pazo de Meirás a debate nas xornadas

As xornadas continúan hoxe cunha mesa redonda sobre a represión na Coruña, e pola tarde haberá unha conversa (16.00, no Paraninfo) con representantes políticos sobre o Pazo de Meirás, apenas unhas horas antes de que unha comisión de expertos impulsada pola representante do BNG ante as institucións europeas, Ana Miranda, viaxe a Bruxelas para falar no Parlamento Europeo desta e doutras cuestións pendentes da memoria histórica no país. 

Fotos: Máximo Castex, un dos avogados que traballa en Bos Aires na querela arxentina e Goretti Sanmartín, vicepresidenta Deputación da Coruña.

Comentarios