Festival Núbebes en Pontevedra

Artes escénicas para as máis pequenas das pequenas

As máis pequenas de entre as máis pequenas tamén teñen dereito á arte. O Núbebes, que comeza esta sexta feira, 20 de setembro en Pontevedra, confírmao: “Dúas intensas fins de semanas cheíñas de propostas arredor das artes escénicas, pensadas e dirixidas á cativada da casa”. Festival de artes escénicas para bebés e familia, subtitúlase.
Programa_Nubebes_2019
photo_camera Detalle do cartaz do VII Festival Núbebes de Pontevedra. Imaxe: cedida.

Ás seis e media da tarde do 20 de setembro, o teatro, monicreques e música de Roque darán a benvida no Teatro Principal da cidade ás asistentes. Será a apertura de catro xornadas -sábado 21, domingo 22, sábado 28 e sábado 29 de setembro- de “teatro, danza, música, obradoiros, animación de rúa, contacontos, guerra de almofadas... Un amplo abano de cousiñas bonitas preparadas con moito cariño e fermosos obxectivos: que poidades aprender xuntos, compartir experiencias e gozar dun tempo de lecer en familia”.

O promotor de Núbebes, que celebra a súa sétima edición, é o Concello de Pontevedra a través do Pazo da Cultura. A colaboración de Xunta e Deputación posibilitan un encontro en que todas as actividades teñen aforo limitado e para as que cómpre, sexan de balde ou non, retirar as entradas na billeteira do Teatro Principal.

Actividades
Velaquí algunhas das principais actividades do Núbebe:

Sábado 21 de setembro. Contos e monicreques a cargo de Baobab Teatro en Baila Roque, baila (Teatro Principal). Obradoiro de baile e canto de Mercedes Prieto (Patronato de Turismo Rías Baixas). Sembrando historias de Kamante Teatro (Casa Azul. Sala Almofrei). Cociñando Xunt@s, da Asociación Down Pontevedra Xuntos (Casa Azul. Sala Valdecorvos).

Domingo 22 de setembro. Kenka un Kenko de Cris de Caldas e Xabi do Camiño (Casino Mercantil). O son que me arrola, cantos de berce e enredos a cargo da Asociación Gandoy (Casa Azul. Sala Almofrei). Un obradoiro de pedagoxía do abrazo de Nieves López (Patronato de Turismo Rías Baixas). O lobo e a lúa, de Baobab Teatro (Teatro Principal).

Sábado 28 de setembro. Patapatún, tun, tun!! do Mago Paco (Casa Azul. Sala Almofrei). O conto vivenciado de O sombreiro que voou (Patronato de Turismo Rías Baixas). Caracola, teatro de Eugenia Manzanera (Teatro Principal). O obradoiro musical Lúa, lúa, sol, de Flauta Mágica (Sexto Edificio. Museo de Pontevedra).

Domingo 29 de setembro. Obradoiro de ioga para nenos e nenas a cargo de Iria Carrera (Patronato de Turismo Rías Baixas). Os contos de Raquel Queizás (Casa Azul. Sala Almofrei). A guerra de almofadas (Praza do Teucro). O concerto de Cé Orquestra Pantasma (Praza do Teucro). E a clausura, cun concerto da Banda Moirama (Teatro Principal).

Comentarios