Luz Darriba, artista multidisciplinar

“A arte é unha maneira de concibir a vida en todos os aspectos”

Desde a columna “Foeminas xenéricas”, publicada cada mes en Sermos Galiza, Luz Darriba (Montevideo, 1954) combate o patriarcado. Mais non o fai só desde este espazo, cultiva múltiples disciplinas artísticas que emprega como berro de reivindicación. De aí que se defina como “artista multidisciplinar”. Un concepto que desprende feminismo polos catro costados cando nos referimos a ela, que vén de ser recoñecida co Premio da Cultura Galega na modalidade de artes plásticas. Eis un extracto da entrevista publicada no número 319 de Sermos Galiza.

Luz Darriba. [Imaxe: Tino Viz]
photo_camera [Imaxe: Tino Viz] Luz Darriba

3Como recibe o anuncio do Premio da Cultura Galega?

Cunha moderada sorpresa porque xa fora moitas veces nomeada para este premio, a primeira polo Concello de Lugo, hai xa… non sei canto, unha chea de anos.

E por que cre que foi neste momento cando deciden outorgarllo?

Creo que máis alá do que eu traballei e fixen, que é moito, creo que inflúe claramente o feito de ser muller e de que xa non poden seguir agochándonos. Aínda que queiran, non poden. A ver se non se me entende mal, creo que o merecín sempre, se non, non me nomearían, pero agora estamos na crista dunha onda que non poden parar e teñen que ceder nalgún punto.

Defínese como artista multidisciplinar. Por que?

Porque traballei e traballo en moitos soportes diferentes, desde os soportes visuais tradicionais, como a pintura, o debuxo, o gravado ou a escultura, ás macrointervencións na vía pública, en diferentes partes do mundo; performances, instalacións, traballo coa tecnoloxía dixital e escribo. Creo que, simplemente, o que cambia é o soporte e, pola contra, o feito creativo é o mesmo.

Malia ter unha formación tradicional en Belas Artes, avoga moito pola instalación.

En realidade, cando eu estaba Belas Artes había xente, en concreto unha artista que eu teño no meu pensamento desde sempre, Marta Minujín, que facía estas cousas, a fins dos sesenta e principios dos setenta, cando ninguén o facía no mundo. Eu fun á academia, tiven un ensino completamente tradicional, academicamente rigoroso e ríxido e aprendín a debuxar e a pintar moi ben, así como todas as técnicas. Había algúns artistas que ían alén diso. A finais da ditadura, cando xa as Nais da Praza de Maio acadan un nivel de coñecemento importante no mundo, elas mesmas, apoiadas por un grupo de artistas, entre os que estaba eu, fixeron accións na rúa porque era o que máis podía chegar á xente e o que máis difusión como imaxe podería ter. Atravesaría fronteiras. Elas traballaron moito coas accións na rúa. Foi algo que sempre quixen facer, mais primeiro tes que ter os permisos, que non é algo doado, e despois os medios. Non puiden facer nada disto até que xurdiu o da muralla de Lugo.

Refírese a Cumulum, con libros.

Si. Eu non sabía que presentaran a muralla de Lugo para Patrimonio da Humanidade, non tiña nin idea. Cheguei a Lugo, que de alí era meu pai, no ano 1990 e presentei moitísimas propostas para facer coa muralla, mais non me fixeron nin caso. Cando presentei esta, foi tan doado que non entendía nada, até que alguén me dixo que postularan a muralla para ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade. Víñalles como anel ao dedo, e non puxeron un can. Custou máis de 2 millóns de euros e tivo que financiarse cun enorme esforzo e buscando o apoio privado. As institucións non puxeron absolutamente nada. Foi un bautismo de lume moi demoledor. Interviñeron máis de 5.000 persoas voluntarias e houbo que conseguir todo para o facer.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 319 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios