Artai Bringas: "Adóitase pensar que o xadrez é un xogo aburrido, lento e difícil, mais non é así"

Artai Bringas, xogador de xadrez, vén de facerse co posto número 30 dun total de 27.651 participantes no maratón de inverno da plataforma Lichess, decorrido o pasado 28 de decembro. Bringas fala da complexidade de finalizar este tipo de maratóns, cuxa duración chega ás 24 horas de competición ininterrompida, e opina sobre a situación actual do xadrez na Galiza. Para Bringas “o xadrez é como unha adición sa” e pensa seguir competindo en próximos torneos.  
Bringas co seu trofeo neste maratón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Bringas co seu trofeo neste maratón. (Foto: Nós Diario)

Avante Pouca

Parabéns polo posto 30 nun campionato con case 28.000 participantes. Como se sente? 
Este foi o segundo maratón que xoguei. En abril participei noutro no que quedei no posto 57. Esta segunda vez estaba máis preparado e xa contaba coa experiencia previa. Ambos os maratóns nos que xoguei resultaron ser moi semellantes pero neste último sentinme máis cómodo. Trátase dun maratón de 24 horas; é moi duro rematalo. As primeiras 12 horas estaba cheo de enerxía, pero as seguintes xa comezaron a ser máis difíciles debido ao cansazo. Para min, o peor son as tres últimas horas porque a presión é realmente dura e o corpo non pode máis.
No que aos maratóns se refire, existen dúas modalidades: as presenciais que van por rondas, nas que todos os participantes compiten no mesmo número de partidas; e o sistema Arena presente nos maratóns de Lichess, que consiste en xogar o máximo número de partidas posíbeis con participantes de calquera nivel. Persoalmente, isto último é o que máis me interesa de Lichess: que participen desde xogadores principiantes até a elite mundial. De feito, eu mesmo competín contra o gañador deste maratón en dúas ocasións, e a primeira delas gañeille; foi incríbel. Os participantes que non somos profesionais, se queremos chegar a postos altos, debemos xogar arredor de 84 partidas neste tipo de campionatos. Eu desta vez participei en 359 partidas durante as 24 horas do maratón.


Avante Media 

De onde lle vén esta paixón polo xadrez? Cando comezou a interesarlle?
Comecei con catro ou cinco anos cando meu pai me ensinou a xogar. Daquela non me gustaba, pero, finalmente, acabei enganchándome. Cos anos uninme a un club de xadrez, o Laroca, en Nigrán. Non era un club moi grande pero os meus compañeiros e compañeiras eran moi agradábeis e sentinme moi ben nel. A verdade é que existe un gran nivel no xadrez galego. Contamos con clubs moi importantes na Galiza, de feito, un de Pontevedra, mesmo organiza un campamento de xadrez no verán. Hai moita afección e un gran nivel, así en 2008 e 2013 os campións de España foron dous galegos: David Lariño e Iván Salgado.

Supoño que coñece a serie ‘Gambito de Dama’ que logrou moito éxito nos últimos meses. Pensa que puido impulsar un maior interese polo xadrez?
Paréceme moi curioso que todo o mundo estea a falar desta serie, mesmo persoas que non xogaron nunca ao xadrez. Non sei o impacto que puido supor pero, desde logo, é moi probábel que moitas persoas comezaran a interesarse polo xadrez a raíz da serie. Ademais, a protagonista é unha muller e penso que está xenial que existan este tipo de referentes para animar a máis rapazas a participar. No mundo do xadrez segue existindo unha gran diferenza entre a cantidade de homes e de mulleres que xogan; elas sempre son moitas menos. Nestes últimos anos é certo que se foi normalizando a presenza da muller no xadrez e a día de hoxe hai xogadoras recoñecidas, pero a diferenza segue a ser moi grande. Espero que a serie axude un pouco.

Avante Toda

Como ve o seu futuro no xadrez? Seguirá competindo? 
Actualmente levo case un ano cun adestrador individual e tamén estou estudando moito porque me sinto moi animado. Quero seguir competindo, sen dúbida. Debido á pandemia, reduciuse o número de torneos presenciais pero, cando volvan, seguirei participando. Eu vexo o xadrez como unha adición sa; coido que cando alguén comeza a xogar é difícil que o deixe. Todas as partidas son diferentes, é imposíbel aburrirse pois sempre hai novidades. Adóitase pensar que o xadrez é un xogo aburrido, lento e difícil, mais non é así. 

Comentarios