A portavoz de Ciudadanos no Congreso, Inés Arrimadas, reiterou esta segunda feira ao PP a proposta dunha alianza para as eleccións na Galiza, Euskadi e Catalunya; unha oferta que lanzara a finais da semana pasada coa idea de “frear” os nacionalismos e que desbotou o PPdeG.
Arrimadas pide ao Partido Popular que se aveña a pactar con Cs unha fórmula "transversal" para a cita coas urnas que este ano vai haber na Galiza.
"Creo que o debate ten que ser nos tres territorios, debería selo", dixo nunha entrevista a Onda Cero, recollida por Europa Press, insistindo en que nestas "circunstancias excepcionais" non deberían prevalecer os "intereses do partido".
Neste sentido, criticou que o PP sexa favorábel a unirse en Catalunya, onde ten menos deputados e deputadas que Cs, mais non na Galiza, onde goberna con maioría absoluta e Cs non ten representación parlamentar.
Segundo explicou a deputada de Cidadáns, o seu obxectivo é facer unha proposta "emocionante e mobilizadora" das e dos votantes constitucionalistas "para facer fronte ao nacionalismo nas urnas nestes tres territorios.