Arranca a lexislatura que fará fronte á pegada do virus

A XI lexislatura botou a andar coa votación da Mesa do Parlamento, que integran os populares Miguel Santalices, Diego Calvo e Corina Porro, a nacionalista Montse Prado e a socialista Marina Ortega. A Cámara Galega terá que debater nos futuros meses as medidas para paliar as consecuencias do coronavirus. O persoal de Alcoa concentrouse ante o Pazo do Hórreo para lembrarllo aos seus deputados e deputadas. 
Persoal de Alcoa concentrouse fronte ao Parlamento da Galiza no día da votación da Mesa do Parlamento (Imaxe: Arxina).
photo_camera Persoal de Alcoa concentrouse fronte ao Parlamento da Galiza no día da votación da Mesa do Parlamento (Imaxe: Arxina).

Con berros do persoal de Alcoa no exterior e as pantallas de seguridade entre os escanos no interior, a Cámara galega deu onte comezo á XI lexislatura. Foi unha xornada atípica, sen asistentes na tribuna do público e cos deputados e deputadas dos tres partidos políticos portando máscaras. A pegada da Covid-19 estivo presente no hemiciclo, que rematou este inicio cun minuto de silencio en homenaxe ás persoas afectadas pola enfermidade.

Antes das 11 horas, momento fixado para o inicio da sesión, traballadores e traballadoras de Alcoa trasladaron desde A Mariña até Compostela as reivindicacións dunha comarca ao vilo das negociacións das Administracións públicas coa multinacional. "Comprometéronse todos en campaña e agora queremos solucións", advertiu o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan. "O primeiro que teñen que facer aquí dentro é arranxar o problema que hai na Mariña", advertiu o comité.

A lexislatura deu os primeiros pasos nun hemiciclo composto de novo por tres forzas parlamentarias, o que non acontecía desde 2009. O PPdeG ocupa 42 escanos, o BNG 19 e o PSdeG 14. Desta maneira, as e os deputados nacionalistas volven ocupar o espazo da esquerda no hemiciclo, como lles corresponde como líderes da oposición. Un liderado que xa ocuparan en 1997 e 2001 con Xosé Manuel Beiras como portavoz da formación.

Na propia sesión producíronse outras singularidades, coma o feito de que a Mesa de idade á que corresponde organizar a votación para formar a Mesa do Parlamento estivese integrada por tres deputados da mesma formación política, o BNG: Xosé Luís Rivas Cruz, como o de maior idade, e Paulo Ríos e mais Daniel Castro como os máis novos. Este último portou a chaqueta e mais a camiseta de Alcoa, en solidariedade co seu persoal. Tamén da ausencia dun escano e un voto, o da nacionalista María Gonzalez Albert, que se atopaba no hospital a piques de dar a luz. 

Santalices recunca

Na votación para designar os asentos da Mesa, o deputado ourensán do PPdeG, Miguel Santalices, foi reelixido presidente do Parlamento cos 42 votos de apoio do seu partido e os 32 en branco da oposición. Unha posición que ocupa desde xaneiro de 2016, cando a piques de finalizar a IX lexislatura substituíu Pilar Rojo, elixida deputada no Congreso nas eleccións estatais de 2015.

Tras el recuncou o tamén popular Diego Calvo na vicepresidencia, un cargo no que se estreara no pasado exercicio. Calvo elixido deputado en 2003 e en 2009 foi nomeado delegado da Xunta na Coruña, un cargo que tamén desempeñou a súa compañeira e secretaria na Mesa, Corina Porro, á que Núñez Feixoo "rescatou" do Consello Económico Social para situala en Vigo. Porro fora anteriormente rexedora da cidade olívica, alén doutras posicións institucionais entre as que se conta a de senadora. Ambos recibiron o apoio dos 42 votos das e dos populares.

A Mesa completouse coa deputada do BNG Montse Prado na vicepresidencia segunda, co apoio de socialistas e nacionalistas, que tamén situaron á deputada do PSdeG Mariña Otero na vicesecretaría.

Tras as votacións, volveu ao hemiciclo unha imaxe máis tradicional, aderezada neste caso polas máscaras, a dos xuramentos, ou promesas do cargo. A bancada nacionalista volveu portar caraveis ao hemiciclo, ademais do Sempre en Galiza de Castelao, e a socialista acudiu con rosas, símbolo do seu partido.

Nas súas primeiras palabras no hemiciclo, Santalices insistiu en que a lexislatura que arranca debe ser "a das persoas" que o están a pasar mal: "Só pido unha cousa, estar á altura da confianza depositada en min e pido por vostedes, porque estean á altura da confianza que os electores depositaron". 

A lexislatura da pandemia

Case sete meses transcorreron desde que o hoxe presidente en funcións da Xunta e do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, disolveu o Parlamento da Galiza e convocou os comicios no mes de abril. A pandemia trastornou todos os calendarios, non só o electoral, e provocou escenarios inéditos. No político, implicou a suspensión e aprazamento das eleccións e o maior período de actividade da Deputación Permanente. 
 

Comentarios