Imprimir

Dos arquivos do barco: o 'Prestige' na memoria cidadá

Redacción | 19 de novembro de 2020

Imaxe do buque en pleno afundimento. (Foto: Xurxo Lobato)
Imaxe do buque en pleno afundimento. (Foto: Xurxo Lobato)
A sexta feira e o sábado a Asociación Unha Gran Burla Negra convoca o pensamento arredor dos arquivos vencellados á catástrofe do 'Prestige'.

Desde novembro de 2018, a Asociación Unha Gran Burla Negra convoca o pensamento arredor do movemento Nunca Máis organizando un encontro anual no aniversario da catástrofe do Prestige.

Este ano, durante a sexta feira e o sábado, poñen o foco na idea de "arquivos cidadáns", procurando a creación de espazos, proxectos e experiencias colectivas que, desde o artístico ou o histórico, o íntimo ou o comunitario, falan das relacións entre democracia, acceso ao saber e produción de arquivos.

"Dos fíos entre a memoria, a conciencia e os patrimonios, do seu goberno e activación públicas e comunais, dos seus riscos e males, da súa destrución e reinvención, do milagre de que aquilo chamado a se perder se conserve e faga dispoñíbel", declara a organización.

O proxecto contempla o  arquivo como "sistema de formación e de transformación de eventos e de cousas", segundo expresaba Michel Foucault, nun conxunto de máis de 3.000 documentos —na meirande parte efémeros—, centos de horas de gravacións audiovisuais, miles de fotografías persoais e ducias de obxectos artísticos, cedidos pola cidadanía.

Seguindo o sentir de Rafael Dieste no libro de relatos breves Dos arquivos do trasno -"O conto é o remuíño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz"- identifican o trasno como a tensión produtiva coa que percorrer eses testemuños.

Será a través dun seminario online, para o que cómpre inscribirse previamente.

Participarán, baixo diferentes tópicas, desde artistas como Xiana do Teixeiro ou Carme Nogueira para tratar dos arquivos performados; Manuel Sendón ou Lara Barros para debater  sobre os arquivos en man común ou Anxo Rabuñal e Marta Pérez para pensar os arquivos do imaxinario.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/arquivos-do-barco-presige-memoria-cidada/20201118185405109323.html


© 2020 Nós Diario