'O que arde', premiado no Festival de Donostia

O que arde, terceira longametraxe de Oliver Laxe (París, 1982), segue colleitando parabéns e galardóns. Desta volta foi o premio San Sebastián-Gipuzkoa Film Commission do Festival de Donostia, que decorreu esta semana e onde o filme galego se viu o pasado 24 de setembro.
o que arde
photo_camera O cineasta Oliver Laxe (á esquerda) e o actor Amador Arias, protagonista de 'O que arde'. Foto: Numax Distribución.

O xurado que decidiu distinguir O que arde formárono o actor Fernando Guillén Cuervo, a actriz Nerea Barros, a xornalista Yolanda Flores, a escultora Cristina Iglesias e a fotógrafo Ouka Lele. Debían decidir entre os filmes “que mellor reflicten os valores do lugar en que foi rodada”. A dotación é de 10.000 euros a repartir entre a produtora, 7.000 euros, e a Film Commission colaboradora, 3.000 euros. Neste caso foi a Asturias Paraíso Natural Film Comission, por imaxes rexistradas na zona de Tapia de Casariego.

O filme de Laxe foi moi ben recibido pola crítica do Festival de San Sebastián e tamén obtivo unha elevada puntuación do público. Agora preestrearase na Galiza. A primeira proxección será o 29 de setembro en Navia de Suarna.

Comentarios