Aranguren Ponte, o garda civil que martirizou Ribadeo

Mentres o pai, o xeneral Xoán Aranguren Roldán, mantivo a fidelidade até o final ao Goberno lexítimo para rematar fusilado na cidade de Barcelona tras a entrada das tropas fascistas, o fillo, o tenente Xoán Aranguren Ponte, atemorizaba a retagarda franquista perseguindo demócratas e mallando nas xentes de ben. Recuperamos a traxectoria de Aranguren Ponte, responsábel do operativo do terror franquista en Ribadeo e nos seus concellos limítrofes.

Xoan Araguren Ponte.
photo_camera [Imaxe: Cedida] Aranguren Ponte

Asistimos a un proceso de ocultación do papel da Garda Civil no operativo represivo franquista. A operación contextualízase no proceso de lexitimación do modelo político institucionalizado na constitución de 1978 e tenta camuflar as responsabilidades de institucións centrais durante a ditadura que seguen a xogar un papel chave no réxime vixente. A construción do discurso obriga a excluír do relato histórico a executoria da benemérita no combate á democracia e na persecución á disidencia política e á súa función determinante na organización e funcionamento da maquinaria represiva, así como na imposición do terror.

A referida formulación ideolóxica coxea cando analizamos a xeografía do xenocidio na Galiza, atopando á fronte da mesma mandos da Garda Civil como Florentino González Vallés en Lugo, A Coruña ou Donosti; Vitoriano Suanzes Suanzes, en Ferrol; Francisco González “O Rabioso” en Vigo; Ricardo Macarrón, en Pontevedra ou Xosé Leseduarte, en Santiago de Compostela.

Participación nas tramas golpistas

Xoán Aranguren Ponte participará activamente nas tramas golpistas contra o réxime republicano. Nado en 1905 nunha familia de tradición militar, formouse coma seu pai e o seu irmán na sección madrileña do Colexio da Garda Civil e na Academia de infantería de Toledo, sendo destinado a Marrocos, onde combateu á revolta do Rif como oficial do corpo de regulares, solicitando posteriormente á incorporación a Garda Civil.

Os anos seguintes discorreran en diversos cuarteis e postos da Galiza, nomeándoo en 1934 xefe da comandancia de Ribadeo e participando de xeito importante na represión da revolución de 1934 tanto na Galiza como en Asturias, canda outros números do corpo dislocados á conta mineira. A volta de 1936 atopábase destinado na Coruña, colaborando na preparación dun golpe de Estado previsto inicialmente para finais de marzo e adiado finalmente para 19 de abril, no que estaban comprometidos unha parte importante de mandos da Garda Civil que xogarían un papel decisivo na represión que seguiu o 18 de xullo.

O intento faccioso, estudado a fondo por Emilio Grandío, rematará por ser descuberto, sendo procesados e sancionados algúns dos seus responsábeis como Benito de Haro, Rodrigo Santos ou o propio Aranguren Ponte, trasladado fóra da Coruña para apartalo do núcleo central da trama conspiradora.

A actuación en Ribadeo

A súa actuación será determinante nos momentos máis duros da represión en Ribadeo. Segundo sinala Xabier Buxeiro na súa investigación sobre os vitimarios nesta vila, seguindo a liña xa adiantada no seu día por María Xesús Souto, Aranguren “tivo unha gran parte de responsabilidade (neste caso aínda moito máis importante) nos asasinatos dos veciños non condenados por sentenza militar”. Aranguren, como tenente de liña da Garda Civil e comandante militar da localidade, encargouse de dirixir o labor de detención de boa parte dos individuos que rematarían procesados. Prestou, tamén, testemuño acusatorio contra moitos veciños da vila e lexitimou o paseo de oito dos once ribadenses mortos a consecuencia da represión paralegal, como demostran os informes asinados ao respecto. Malia que a memoria popular tende a culpar da mesma un grupo de fascistas locais encadrados na tristemente célebre centuria do “coche do cangrexo”, coñecemos da implicación directa nas execucións de membros da benemérita local, como o brigada e xefe das milicias de falanxe Pablo de la Punte Aguirre ou o cabo do mesmo posto Gumersindo Díaz Vázquez.

A saída de Aranguren de Ribadeo o 30 de outubro de 1936 puxo fin aos paseos neste concello. Segundo un testemuño que recupera Xabier Buxeiro, o seu substituto “Ignacio María Esperanza Albareda ordenou acabar coas sacas de presos, práctica, que sexa como for, non volveu realizarse na vila tras a marcha de Aranguren”.

A afirmación non significa que Albareda ou o seu sucesor Yubero non estivesen comprometidos nos labores represivos, aspecto que documenta Buxeiro, senón que clarifica o poder real dos delegados da orde pública e dos mandos da Garda Civil nos asasinatos paralegais . Pola súa banda, Aranguren marchara como voluntario á fronte de guerra, sendo habilitado como capitán no Grupo de forzas regulares indíxenas de Tetuán número 1 e posteriormente do Batallón 267 de cazadores de San Fernando, morrendo nunha acción de combate no Puntal, Guadalaxara, o 2 de abril de 1938.

Comentarios