Aquí tes de todo para unha fin de semana das de non perder

Quico Cadaval.

IV Venres en Sansa!

San Sadurniño 4.10.2019 19.30h

Os Venres en Sansa! enchen os seráns e noites de San Sadurniño de actividades de lecer dirixidas á mocidade de entre 12 e 35 anos. A próxima cita será na sexta feira 4 de outubro coas seguintes propostas: baile contemporáneo na Casa da Cultura, introdución á impresión 3D na Casa da Xuventude, hip-hop na Casa da Cultura ou partidas de pimpón. A non perder!

IV Encontro de Música de Pulso e Púa

A Coruña Até 6.10.2019 Diversos espazos

O ciclo xunta vinte e cinco actuacións de grupos e cantautores procedentes de Colombia, Portugal, Chile, Rusia e España en distintos escenarios da cidade.

Que animaliño é?

Ourense 4.10.2019 Auditorio Municipal 18.00h

​Peza a cargo de Trémola Teatro para que as crianzas gocen, aprendan e recoñezan todo aquilo que as rodea a través de diferentes elementos musicais e sensoriais.

Medida x medida

Carballo 4-5.10.2019 Auditorio Pazo da Cultura 21.00h/20.30h

Estrea no FIOT de Medida x medida, unha das grandes propostas da temporada teatral galega. Coa raíz no clásico de Shakespeare, a obra está adaptada e dirixida por Quico Cadaval e conta coa colaboración do FIOT na produción, coa que a compañía Producións Teatrais Excéntricas celebra o seu XV aniversario.

Pontevedra Literaria

Pontevedra 5.10.2019 Diversos espazos

O primeiro dos paseos leva por título “Poden o escritor e a literatura modular sentimentalmente a cidade?”, e será guiado polo escritor Adolfo Caamaño. Inscricións en [email protected]

XVII Festival Tradicional Cantigas e Frores

Lugo 5.10.2019 Praza de Santa María 17.00h

Contarán coas actuacións de ACF O Fiadeiro, desde Vigo, Grupo Folklórico Trebeyu, desde Xixón, e Cantigas e Frores, de Lugo.

Outras animaladas

Vigo 5.10.2019 Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel 12.00h

“Cantos, contos e outras animaladas” é o título da sesión de contacontos que realiza Ana Vázquez Facchini. Unha proposta para as crianzas de catro anos en diante.

Cinco minutos sen respirar

Compostela 5.10.2019 Centro Socio Cultural de Santa Marta 19.00h

A familia, a violencia, o suicidio e as relacións persoais son as temáticas que constrúen esta peza do dramaturgo venezolano Gustavo Ott, un espectáculo integrado no programa “Nós contra a violencia”.

Espazos Sonoros

Becerreá 6.10.2019 Santa María de Penamaior 19.00h

O Festival Espazos Sonoros –músicas en espazos de interese cultural– pon o ramo á súa edición de 2019 coa Capella de Ministrers, baixo a dirección de Carles Magraner. A clausura será este domingo 6 de outubro, ás 19.00h en Santa María de Penamaior (Becerreá), cun concerto no que se interpretará o programa “Lamento de Perceval. Música e literatura arredor do Santo Graal”.

Sumrrá nas Crechas

Compostela 6.10.2019 Casa das Crechas 20.00h

Volve o outono e con el o mellor do jazz galego: Sumrrá regresa á Casa das Crechas todos os domingos polo serán, no que será o inicio da súa sexta temporada.

Comentarios