Xosé Rios Cidrás

“Aqueles países que teñen un peso relevante na pesca optaron por non estar na UE”

Xosé Rios Cidrás. Membro da Comisión de Pesca do BNG. Conversamos con el sobre a situación e retos da pesca galega de altura, o que coñece ben pola súa traxectoria profesional.

Xosé Rios Cidrás. Detrás, un barco galego abandeirado no Reino Unido para acceder a cupos de pesca sobrantes dese Estado Membro.
photo_camera Xosé Rios Cidrás. Detrás, un barco galego abandeirado no Reino Unido para acceder a cupos de pesca sobrantes dese Estado Membro.

- Como chegou a pesca a ser competencia exclusiva da UE?

- Após a II GM, a CEE pasa a considerar o sector alimentario coma estratéxico para a estabilidade do Mercado Interior, polo que a Política Agrícola Común foi tremendamente proteccionista. Mantívose unha agricultura non competitiva costeada ao 100% polos Estados Membros. Que exista tamén unha Política Pesqueira Común (PPC) debeuse a unha torpe consideración do peixe coma un produto agrícola máis.  Hai que agardar ata os anos 70 ante unha previsíbel entrada de Noruega, Reino Unido e Irlanda para que se puxera en marcha a maquinaria lexisladora, culminando no Consello do 3 de novembro de 1976 coas chamadas “Resolucións da Haia”. Neste cumio, aprobouse o criterio de Estabilidade Relativa pola cal se asigna o reparto de cupos das principais especies entre os Estados Membros.

- Ese criterio, o de estabilidade relativa, que tanto marca a política Pesqueira ten xa máis de 40 anos…

- Si. É un anacronismo negociado só por 9 Estados. Non está nos Tratados e supón unha discriminación por nacionalidades, o cal está prohibido polos propios Tratados. Porqué hai que preservar as localidades histórico marítimas de Irlanda en detrimento das galegas? Deste xeito impediron o libre acceso ao “Mercado Interior da CEE”  á flota máis competitiva e vocacional na pesca: a galega.

- O BNG denunciou, e manteno, que a pesca galega foi moeda de cambio na negociación de entrada do estado español na Comunidade Europea…

- O Tratado de Adhesión, na pesca, foi un “un sistema singular“ de integración. Contra a flota galega tomáronse medidas excepcionais nunca aplicadas a ningunha flota, nin tan sequera aos que entraron despois de nós. Restricións na limitación do número de barcos, establecer zonas de veda e incluso chegando a impedir o acceso as augas comunitarias, coma foi o caso do Mar do Norte, e posteriormente no Báltico. Debido á xa citada Estabilidade Relativa, sufrimos reducións importantes do rapante, da pescada e sobre todo do peixe sapo. Non se asignaron cupos para ao espada, o marraxo ou a palometa ao ser a flota galega a único con históricos de capturas.

“Contra a flota galega tomáronse medidas excepcionais nunca aplicadas a ningunha flota, nin tan sequera aos que entraron despois de nós”

- Nunca se formulou o dereito de veto no Consello de Ministros?

- Non. Que se obtivo a cambio de non vetar a PPC? Quen sabe, mais a Política Pesqueira deixou de ser “Común” e converteuse  para os galegos nun apartheid pesqueiro, como diría Bieito Lobeira. Esta discriminación transcende aínda no tempo. Por exemplo co veto ruso. Mentres millóns de euros públicos se utilizan para compensar produtos agrícolas, toneladas de peixe ficaron nos frigoríficos de Marín e Vigo sen máis saída que mal venderse fóra da Federación Rusa.

_ Cal é a política a este respecto do goberno español?

- Cando Mariano Rajoy chega á Presidencia do Goberno, sacáronse a airear, digamos, “trapos suxos”. Concretamente Arias Cañete, falaba de “descontrol” en materia pesqueira, e poñía o exemplo da sobrepesca da xarda no Golfo de Bizkaia durante os anos 2009 e 2010. Non sei que opina o sector, mais sinceramente eu considéroo toda unha deslealdade.  Antes de marchar para Bruxelas, Cañete modifica a Lei de Pesca Marítima para, entre outras cousas, habilitar á Garda Civil os labores de inspección. Alguén se imaxina á Garda Civil suplantando aos Inspectores de Traballo? Somos a flota máis sancionada de toda Europa.

“Para 1 quilo de peixe de granxa, fan falla de 4 a 5 quilos de peixe salvaxe”

- Que debería facer pois o goberno?

- Seguindo co exemplo da xarda, ao Estado Español actualmente correspóndelle só 4% do total da que se pesca na UE, unha vez deducido  o desconto pola sobrepesca. É dicir, unha miseria da que aínda por riba só optemos 25% tralo reparto interno.

Para empezar, o Goberno podería cuestionar o arrastre peláxico nas augas da UE. Este arte nin é selectivo, supón a sobreexplotación dalgunhas pesqueirías, e destina a maior parte das súas capturas á elaboración de pensos para a acuicultura. Para 1 quilo de peixe de granxa, fan falla de 4 a 5 quilos de peixe salvaxe. Lembremos como empezou o problema das vacas tolas.

Por outra parte, a Asociación de Cerco Galega (ACERGA), que representa case que a totalidade dos 115 buques do cerco galegos, emprendeu a vía xurídica. Fartos de multas e non ser escoitados nin por Feixoo nin por Madrid, presentaron no 2016 un recurso ante o Tribunal Europeo contra a Estabilidade Relativa. A Consellería do Mar faríao pouco despois. Descoñezo cal é a postura do actual Goberno neste punto.

-Ten futuro a pesca na UE?

- Aqueles países que teñen un peso relevante na pesca optaron por non estar na UE. É o caso das Illas Feroe, Noruega, Groelandia ou recentemente de Islandia. A UE segue perdendo peso na pesca mundial en favor das importacións. Máis do 60% dos produtos do mar e da acuicultura consumidos na UE son importados, curiosamente para abastecer a grandes demandantes coma son o Estado Español ou Portugal.

- Mais garantir o abastecemento interno era un dos grandes compromisos e obxectivos que procuraba a Unión Europea na Política Pesqueira común..

- No papel si, mais na realidade a UE volveuse moi pragmática. A Política Exterior Comercial tamén é competencia exclusiva da UE. Ante a contracción do Mercado Interior, as multinacionais europeas continúan expandíndose en mercados novos: fish for markets. En 1986 o Estado Español mantiña 20 Acordos con terceiros países para explotar os seus excedentes pesqueiros. Arestora nesta UE dos 28, só hai vixentes 15 destes Acordos. A flota galega apenas saca vantaxes económicas dos acordos pesqueiros nos que o mediador é a Comisión Europea.

“Dicían que a flota galega estaba sobredimensionada respecto aos recursos, e agora asumimos que outros países ocupan o  noso espazo”

- E agora o Brexit…

- O Reino Unido está dando a entender que ten intención de restrinxir o acceso ás súas augas cando remate o o período transitorio, é dicir a partir do 31/12/2020. O futuro duns 3000 mariñeiros está en xogo, mais a prioridade no Congreso Español semella só Xibraltar.

A maiores está a incerteza daqueles armadores que por falla de cupos no rape ou no rapante, cambiaron o pavillón do seu barco para o do Reino Unido. Quen sabe se dentro de 2 anos terán que pagar un arancel de importación cando poxen o peixe nas lonxas galegas, ademais dos trámites sanitarios que arestora non teñen.

- Vén de negociarse e acordarse os novos TACs (Total admisíbeis de capturas)

- Son TACs políticos, xa que a decisión final tómaa un Consello de Ministros e non os científicos. Unha vez acordado o TAC anual por especie, repártese en base á Estabilidade Relativa.

Supón unha agonía constante pola incerteza de que se acorden baixadas bruscas ou peches de capturas. O certo é que neste Consello de Ministros, por mor da entrada da Obrigación de Desembarque, subiron todos TACs. A excepción estivo na xarda que se negocia conxuntamente con outro países. Decepción tamén pola cigala ao norte de Fisterra, xa que Bruxelas acordou pospoñer a súa  reapertura.

“O Reino Unido está dando a entender que ten intención de restrinxir o acceso ás súas augas cando remate o período transitorio. O futuro duns 3000 mariñeiros está en xogo, mais a prioridade no Congreso Español semella Xibraltar”

Que outros problemas considera que afectan á pesca de altura galega?

- Dicían que a flota galega estaba sobredimensionada respecto aos recursos, e agora asumimos que outros países ocupan o  noso espazo xa que as capturas a nivel mundial non descenden.

A crítica á flota galega ten moito de subxectividade. Cando se critica ao arrastre, só se fala do arrastre de fondo, evitando aludir ao arrastre peláxico que practican os países nórdicos. Ademais existen informes científicos que falan dos efectos positivos do arrastre de fondo en canto á afloramento dos nutrientes e osixenación do fondo.

Por outra banda, a flota galega é das máis selectivas e responsábeis co medio mariño como demostra as flotas do cerco, do curricán, a do pincho ou a flota palangreira. Mais en can fraco todo son pulgas. Á falla de cupos, súmase o ter que competir en desvantaxe con outras flotas que non asumen as mesmas obrigas ca nós. Sirva de exemplo o caso da flota do palangre cun listado de especies prohibidas e a obriga de manter unidas as aletas dos tabeiróns aos corpos. Non vale con ser competitivo, tamén hai que ter peso político.

- Por onde cre que pasa o futuro da pesca galega?

- Neste 2019 entra en vigor a obriga de desembarcar todas as especies cun TAC. Imaxinémonos un barco que anda á pesca do rapante e que lle veña no aparello bastante xurelo. Pois o que antes se devolvía á mar, agora é un serio problema por 3 motivos. Primeiro porque pode que o barco non estea preparado para conservalo correctamente. En segundo lugar cando chegue a terra non saben si terá demanda. E por último e máis grave, pode que ese barco unha vez carecese de cupo de xurelo (coñecida como especie de bloqueo) podería ficar amarrado durante o resto do ano ao non poder desembarcar mais xurelo. Todo un tsunami.

Botarlle toda a culpa á anterior Comisaria de Pesca, María Damanaqui, resulta simplista. Plantarlle cara a esta situación pasa nestes intres por buscar a maneira de desacloparnos deste engranaxe abafante, chegando incluso a plantexarse sair da UE. De feito os británicos non son os primeiros que abandonan o barco. En 1986 producíase a saída de Groelandia da CEE e non pasou nada.

Comentarios