"Vox aproveitouse da miña imaxe electoralmente e estou pensando en tomar medidas legais"

O gaiteiro e artesán Xesús Rodríguez, un dos músicos habituais que toca no arco do pazo de Xelmírez, en Compostela, viuse enleado na campaña electoral de Vox. 
Xesús Rodríguez segue tocando case a diario no arco do pazo en Compostela [Imaxe: Riobó Prada].
photo_camera Xesús Rodríguez segue tocando case a diario no arco do pazo en Compostela [Imaxe: Riobó Prada].

Xesús Rodríguez, gaiteiro e artesán musical, é un dos músicos habituais que toca no arco do pazo de Xelmírez, en Compostela. Aprendeu a tocar na emigración e o seu amor polo instrumento levouno a tomar a decisión de vivir del. O pasado 21 de xuño a formación de ultradereita Vox realizaba un acto en Compostela e atopábase con este gaiteiro no seu lugar habitual de entrada á praza do Obradoiro. A polémica veu pola fotografía e a mensaxe difundida nas redes que indicaba que este músico lles recibía. A resposta do gaiteiro foi contundente negando calquera tipo de relación con ese partido.

Como foi o seu primeiro contacto co mundo da música e a gaita galega?

Comecei a tocar no ano 1999, cando tiña 12 anos. Contactei cunha asociación cultural galega de Catalunya. Meu pai andaba á pesca e traballou en moitos lugares da península e cadrou que daquela estaba en Barcelona. Un día enterámonos da existencia dunha entidade e cando fomos escoitamos un gaiteiro que tocaba. Ese foi o meu primeiro contacto co instrumento. Estiven en Barcelona até os 22 anos, que voltei para a terra. En Catalunya estudei barbaría mais co tempo decidín probar sorte co tema da música da que vivo na actualidade. Participei en varios concursos de gaita a partir de 2013, como a selección de gaiteiras e gaiteiros para ir ao certame do Festival Intercéltico de Lorient no que quedei segundo a nivel internacional. Na Galiza tamén gañei varios certames de gaitas, recoñezo que me foi moi ben. Agora mesmo estou dando clases na Sociedade Recreativa de Calo. Desde finais de 2019, ademais, abrín un obradoiro de construción de gaitas en Calo co nome de Xeroca. 

En que momento comezou a tocar na rúa coa súa gaita?

Nesa transición na que estaba tratando de dedicarme á música alternaba o traballo de barbeiro  con tocar no arco do pazo da Catedral en Compostela. Foi hai dez anos máis ou menos. Tocaba en eventos, coa Banda Municipal de Santiago e algunhas colaboracións con outras agrupacións.

De que maneira se xestionan as actividades musicais na rúa en Compostela?

Funciona o sistema de lista para coller quenda para tocar. En Compostela hai dúas zonas habilitadas para tocar a gaita, o arco do pazo de Xelmírez e a Alameda. O concello regula o seu emprego a través de permisos gratuítos trimestrais. Hai un apoio legal e logo temos unha regulación propia no Arco por ser moi concorrido. 

E chega ese día en que unha comitiva da formación de ultradereita Vox pasa por diante de vostede e publican unha fotografía asegurando que lles daba a benvida. Como foi en realidade ese momento?

Polo arco pasa moita xente. Moitas veces non estou ollando un punto mentres toco. Agora, como están en obras, hai un ángulo morto no que non ves entrar a xente até que non está na mesma escaleira. Eu decateime de quen eran, Abascal e compañía, cando os tiven diante. Pasaron sen máis e non me dixeron nada. Ninguén falou comigo nin me preguntaron se me importaba que me fixesen unha fotografía. En todo todo o ano hai moita xente que quita fotos aos que tocamos alí. Mais de aí a facer campaña electoral... hai moita diferenza.

En relación á difusión da fotografía coa mensaxe viral nas redes sociais, pensa tomar algún tipo de medida?  

Si, estou en contacto cun asesor para ver que se podería facer. Entendo que nos espazos públicos estás exposto a que quiten fotos mais neste caso aproveitáronse da miña imaxe electoralmente e estou pensando en tomar medidas legais. 

Que lle queda desta mala experiencia e da repercusión que tivo todos estes días? 

Moita. Quería darlle as grazas a toda a xente que me está dando o seu apoio polas redes sociais, xente que é consciente do sistema dos músicos que tocamos na rúa, xente que sabe que non existe ningún vínculo meu con Vox.

Comentarios