Opinión

Aproveitando a lei de acompañamento, o PP lexisla sen debate democrático

A Lei de Acompañamento aos Orzamentos Xerais da Xunta de Galiza (tecnicamente chamada Lei de Medidas Fiscais e Administrativas) é unha ferramenta lexislativa que gosta de usar o Partido Popular para cambiar ou introducir, pola porta de atrás, lexislacións de profundo calado político. Furtan así o debate social, o debate sectorial e o debate parlamentar que se dá no tipo de leis ordinarias, xa que estas están normalizadas tanto na súa presentación como no seu proceso de debate. Usa, xa que logo, o Partido Popular a vantaxe dos tramposos. Mesmo, na práctica, modifica lexislacións sen que ninguén poida enteirarse. Por lembrar algo, foi tamén nunha lei de Acompañamento, neste caso nas Cortes Xerais do Estado, onde situaron as comunidades de montes veciñais en man común como suxeitos pasivos no Imposto de Sociedades.

Na lei de Acompañamento aos Orzamentos Xerais da Xunta de Galiza para o vindeiro ano, que se está a punto de debater no Parlamento Galego, o Partido Popular modifica artigos da vixente lei de montes de Galiza, crea novos organismo como é o caso da Axencia Galega da Industria Forestal e derroga o Decreto de Xuño de 2008 polo que se regula o procedemento de autorizacións das instalacións de produción de enerxía electrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria.

Na lei de Acompañamento aos Orzamentos Xerais da Xunta de Galiza para o vindeiro ano, que se está a punto de debater no Parlamento Galego, o Partido Popular modifica artigos da vixente lei de montes de Galiza

No que fai respeito á Lei de montes de Galiza, actualmente vixente, modifica, entre outras cuestións, o referente aos montes veciñais en man común consorciados ou conveniados coa Adminstración. Mais a modificación non vai no camiño xusto, que sería a eliminación destas débedas que din que teñen as comunidades de montes, por ser falsas e inxustas. A modificación vai por dar unha moratoria de 3 anos (até o 31 de Decembro do 2021) para que as comunidades de montes ou paguen as falsas e inxustas débedas ou entreguen a xestión das súas terras a unha empresa foresal privada.

Collida con pinzas, esta moratoria até podería parecer positiva. Mais ten truco. A Consellaría do Medio Rural, sabedora de que ten perdida esta batalla coa loita que estamos a levar as comunidades de montes, dáse un tempo. Un tempo para proceder a unha masiva corta de madeira destes montes veciñais consorciados ou conveniados, para que cando teñan que entregar estes montes os seus titulares carezan de recursos. Outra modificación negativa que contempla a Lei de Acompañamentos é o feito de que aquelas comunidades de montes que queiran seguir xestionando as súas terras terán que pagar as falsas e inxustas débedas, mais que aquelas que entreguen as súas terras a unha Sociedade de Fomento Forestal-Sofor (xestión empresarial das terras comunitarias) seranlle condonadas as falsas e inxustas débedas. O Partido Popular amosa, unha vez máis, a súa filosofía política de clase: para a veciñanza comuneira, castigo; para as empresas forestais privadas, premio.

A Lei de Acompañamento aos Orzamentos Xerais da Xunta de Galiza para o vindeiro ano crea un novo organismo, a Axencia Galega de Industria Forestal, adscrita á Consellaría de Economía. Se ben é certo que o texto desta modificación é unha declaracions de intencións, remitíndoas ao Decreto polo que se creará este novo organismo, o certo e que as intencións apuntan algo perigoso. Dise que este novo organismo (dominado pola industria da madeira) participará na planificación e na ordenación dos aproveitamentos dos montes. Falando en prata, os aproveitamentos dos montes serán os que decidan os representantes da industria da madeira. O monte veciñal multifuncional e sustentabel corre serios riscos. Non é causalidade que o primeiro en bendicir a creación de este novo organismo fose o Cluster da Madeira.

Outra modificación negativa que contempla a Lei de Acompañamentos é o feito de que aquelas comunidades de montes que queiran seguir xestionando as súas terras terán que pagar as falsas e inxustas débedas

A Lei de Acompañamento tamén derroga o decreto da Consellaría de Industria e Innovación do goberno bipartito do ano 2008 polo que regulaba o procedemento de autorización das instalacions de produción de enerxía electrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal privada. Mais como só a derroga e non plantexa outro decreto, o que queda en vigor é o decreto estatal. Isto vén significar que os aspectos positivos que tiña o decreto do goberno bipartito (da Consellaría de Industria e Innovación dirixida politicamente polo BNG ) desaparecen. É dicir, que a biomasa forestal a aproveitar só sería a biomasa forestal primaria (restos de cortas e de traballos de silvicultura), que a máxima potencia a instalar non podería superar os 10MW e a ordenación do número de centrales a instalar e o seus lugares de ubicación, quedan fóra de vigor, xa que así o contempla o decreto Estatal. O territorio galego queda libre para que as empresas incen os montes galegos de cultivos enerxéticos, aproveitamento agresivo medioambientalmente e de tipo colonial . Tal como aconteceu coa Axencia Galega da Industria Forestal, non é casual que os primeiros que aplaudisen esta derrogación fose a Asociación Galega para a valorización enerxética da biomasa.

O PP é para a democracia como o eucalipto para o meio ambiente.

Comentarios