O aplauso do PP á sentenza do Prestige resoa na imprensa española

A dereita mediática madrileña dá por boa a resolución que deixa sen culpábeis o meirande desastre ecolóxico rexistrado no Estado español con titulares como 'Nunca Más Nunca Máis' (La Razón) ou 'Nove meses de cárcere para o capitán do Prestige. Nada Máis' (La Gaceta) ou 'Sentenza contra a manipulación' (ABC).


A sentenza que a Audiencia Provincial da Coruña ditou esta cuarta feira 13 de novembro a respeito da catástrofe do Prestige só convenceu ao PP. O resto de forzas políticas con representación no Parlamento galego non dubidou en argumentar que se trata dunha resolución "inxusta e política" (BNG), que os verdadeiros responsábeis "están de presidente do Goberno e de director xeral da Garda Civil" (AGE en referencia a Mariano Rajoy e Arsenio Fernández de Mesa) e que o macroxuízo non serviu máis que para confirmar unha sentenza anunciada que colocou o capitán do barco, Apostolous Mangouras, no papel de "chivo expiatorio" (PSdG-PSOE). 

Con todo, o aplauso do PP, que non tivo eco polo de agora nunha Xunta que se mostrou cauta e se limitou a se auto-parabenizar pola organización do xuízo, atopou quen lle faga os coros na imprensa onde quen move os fíos é a dereita mediática madrileña. El Mundo, La Razón, ABC ou La Gaceta celebran a sentenza.

Sen disimulo ningún. Botando por fóra. Levando á capa o mesmo titular que coloca, nun artigo de opinión, o ex conselleiro de Pesca Enrique López Veiga ou editorializando 'Sentenza contra a manipulación'.

Sinalando co dedo á Plataforma 'Nunca Máis' por seren el@s quen, nun exercicio de dignidade, conseguiron sentar no banco d@s acusad@s un cargo público, o único, co obxectivo de que a súa condena servise de escarmento a todos os responsábeis políticos. Porén, José Luís López-Sors, ex director xeral da Mariña mercante, saíu indemne. 

El Mundo bendí a sentenza: "os xuíces deciden sobre feitos e non sobre hipóteses"

Se o único que lemos de El Mundo é a súa capa até nos pode parecer que o que ofrece sobre a sentenza é unha información que pretende ser neutral. Non é o tema principal e nada se di sobre as 10.000 toneladas de chapapote que están aínda almacenadas de maneira ilegal na planta de Sogarisa, nas Somozas, agardando que Xunta e Goberno español se poñan de acordo sobre os catro millóns que custará a súa reciclaxe. Mais polo menos fálase da "frustración dos afectados pola sentenza absolutoria" nun titular que informa de que "Ninguén pagará nada pola catástrofe do Prestige".

Porén, o editorial bendí a resolución xudicial. Após un repaso polo escrito da Audiencia Provincial da Coruña, remata así: "resulta comprensíbel a frustración [...] mais os xuices deciden sobre feitos e non sobre hipóteses. O gran paradoxo é que a factura vai recaer sobre uns contribuíntes que terán que asumir cuantiosos danos provocados por ninguén e por nada".

La Razón acusa "o nacionalismo galego" de "manipulación política da desgraza"

Moito menos sutil é La Razón. Foto da capa para as mobilizacións da Plataforma 'Nunca Máis' con Luís Tosar ou Xosé Manuel Beiras á cabeza, para lle colocar encima un rotundo titular: 'Nunca Más'. En español, claro.

Curiosamente --ou non tanto-- é o mesmo titular que emprega o ex conselleiro de Pesca Enrique López Veiga nun artigo de opinión --"Nunca más 'Nunca Máis'"-- e na capa este mesmo xornal destaca a idea que López Veiga debulla nese artigo: "a resolución deixa en evidencia a campaña da Plataforma 'Nunca Máis' alentada polo BNG e a esquerda para utilizar a traxedia contra o PP". Aliás, unha chiscadela a López-Sors no titular "a decisión de afastar o barco foi correcta" aderezada cun bocadiño de ilegalidade ao empregaren a forma 'La Coruña'.

O editorial, entitulado "Restitución da verdade" fala de "fito na manipulación política da desgraza" e atribúe tal práctica "a todo o nacionalismo galego". O artigo da contracapa vai para o columnista 'estrela' deste medio, Alfonso Ussía. Non fala do Prestige porque xa o dixo todo nos 140 caracteres dun chío que enviou desde a súa conta oficial do Twitter: "os que se indignan coa desgraza duns berberechos por un accidente celebran a saída de terroristas por vinte asasinatos".

ABC di que o Prestige carrexou "acoso e ameazas" nun "todo vale contra o PP"

Cunha foto do afundimento na capa, ABC destaca no seu titular principal que "A xustiza absolve o Goberno pola xestión da catástrofe". Por se quedaba algunha dúbida a respeito do posicionamento do diario que dirixe Bieito Rubido --director de La Voz de Galicia cando afundiu o petroleiro--, o editorial despexa esa dúbida: "Sentenza contra a manipulación". Así o entitularon.

Di que coa sentenza "caen un detrás doutro todos os tópicos utilizados contra o PP" e que "o que este desenlace xudicial ratifica é que houbo unha burda manipulación política do Prestige que inaugurou o todo vale contra o PP, incluídos o acoso, a agresión e as ameazas. A esquerda política e cultural volcou nese accidente toda a súa capacidade de engano á opinión pública". 

La Gaceta pon a guinda e fala de "guerra suxa contra o PP"

Cunha capa que emprega o galego por se en español @s galeg@s non percibiramos ben o que dela rezuma, La Gaceta entitula "Nada Máis" após recordar que a única condena ditada pola Audiencia Provincial da Coruña foi de nove meses de cárcere para o capitán do Prestige por un delito de desobediencia civil. 

Dá por "avalada" a actuación do Estado español e as decisión adoptadas durante a catástrofe e di que a sentenza "fecha o caso que deu orixe á guerra suxa contra o PP desde o movemento 'Nunca Máis' até o asalto ás sedes do partido na véspera das eleccións que se celebraron tres días despois do 11-M".

 

Comentarios