Aparece unha primeira edición de “Cantares Gallegos” cun autógrafo, unha foto inédita de Rosalía e a resposta de Fernán Caballero

Unha foto inédita, uns versos autógrafos e o texto de resposta de Fernán Caballero a unha dedicatori de Rosalía compoñen o revelador conxunto que agochaba un volume da primeira edición de Cantares Gallegos que chegou a mans do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. O volume incorpórase á mostra sobre Rosalía aberta en Vigo polo 150 aniversario da publicación da obra.

O libro sae ao público desde un domicilio do seu propietario precisamente grazas á mostra aberta en Vigo. O propietario do exemplar visitou a exposición e decatouse da importancia do documento que tiña na casa, polo que se dirixiu ao presidente da Fundación Rosalía para estimar  o seu valor. En poucas semanas, a Fundación Rosalía adquiriu o volume que está xa á vista pública na mostra de Vigo. 

O volume descobre un texto descoñecido no que Fernán Caballero responde en carta datada o 25 de xaneiro de 1864 á dedicatoria de Rosalía de Castro. Anxo Angueira, no seu estudo dos distintos materiais, sinala como propietario orixinal do volume o escritor e amigo da infancia de Murguía, Ramón Segade, quen probablemente tería copiado a man o texto desde o seu orixinal, legando para a posteridade desta maneira un documento do que até o momento se descoñecía o seu contido.  

A Fernán Caballero, pseudónimo da escritora Cecilia Böhl de Faber, Rosalía dedícalle os “Cantares Gallegos” e é agora, cando se cumpren 150 anos da súa publicación, cando se coñece a súa resposta. Segundo o texto manuscrito, con moita posibilidade polo escritor español Ramón Segade, Fernán Caballero chámalle á poeta “ruiseñor de Galicia” e, ao tempo que gaba a súa obra, chámalle a atención pola súa queixa polo trato que os españois dan aos galegos. Malia non se coñecer até agora esta “reprimenda” de Fernán Caballero, si se sabía da reacción de Rosalía, quen, en carta a Murguía sinala: “Fernán Caballero pórtase efectivamente como unha plebea, pero perdónollo”. 

Nova foto de Rosalía 

O exemplar inclúe unha imaxe descoñecida de Rosalía, da autoría de María Cardarelly, de quen xa se coñecía unha fotografía da autora. Este novo retrato tirado de perfil dunha Rosalía nova, con toda certeza na mesma sesión que o xa coñecido, incorpora unha nova imaxe ao pequeno álbum de fotos da autora máis relevante das nosas letras, o que fai aínda máis extraordinario o seu achado. A fotografía está datada arredor do ano 1863, no tempo da publicación do libro. 

Autógrafo

O extraordinario volume recolle aínda unha sorpresa máis, os únicos versos manuscritos pola propia Rosalía que se conservan de “Cantares Gallegos”, estampados no libro para agasallo do seu autor e asinados pola propia poeta. Pasa a facer parte o documento do tamén pequeno conxunto de autógrafos da poeta. 

O exemplar cos distintos materiais que traía no seu interior incorporouse á mostra  ‘No principio foi o verso. Rosalía de Castro’, aberta ao público na sede de Vigo da Fundación Barrié. Na páxina web da Fundación, alén de reproducións dos achados, pódese ler o estudo de Anxo Angueira sobre os materiais descubertos. 

 

Comentarios