Apagan o Banco Pastor

A que foi segunda entidade en Galiza desaparece após case 250 anos de existencia, engulida polo Banco Santander. O Pastor fica sen ficha bancaria propia nin sede social na Coruña. Reducido a unha simple marca comercial que tamén desaparecerá.

banco pastor

Adeus ao Banco Pastor. Nin ficha bancaria propia, nin sede social en Galiza. Os temores que espertou a compra do Pastor polo Banco Popular en 2011 e que multiplicou a adquisición de ambos os dous polo Santander en xuño de 2017 (e por un euro, non esquezamos), cúmprense: a fin do banco creado en Galiza en 1776. Un paso máis no furacán que acabou co sistema financeiro galego.

O Consello de administración do Santander e o Popular acordaron a fusión esta semana e o grupo Botín fica “por sucesión universal" coa totalidade dos dereitos e as obrigas do Pastor. Este fica reducido a una dirección rexional e a una marca que, con probabilidade, vaia desaparecendo ao longo de 2019. Nada vai ficar dunha entidad que foi segunda en cota de mercado en Galiza. O Popular-Pastor era a segunda entidade en depósitos da Galiza, posuía por volta de 20 por cento da cota de mercado.

Como aponta a CIG, o Santander, coa entrada no Banco Pastor, conseguiu converterse na segunda entidade en cota de mercado en Galiza chegando case a 29%. O sindicato nacionalista aposta porque se manteña a filial ‘Pastor’ pola relevancia que ten para Galiza. Demanda, por iso, un pronunciamento ao respecto do goberno galego. A representante da CIG-Banca, Rosa Conde, explica que “é moi importante que se manteña en Galiza, tanto do punto de vista do negocio, como do punto de vista do emprego” mais tamén porque “é unha empresa que tributa aquí, porque ten a súa sede na Coruña; porque permite unha maior cercanía ao mercado galego e porque facilita que se apoie con maior efectividade a economía produtiva en Galiza”.

Comentarios