Opinión

AP-9. Nova aldraxe

O Goberno do Estado vén de vetar, outra volta, o debate no Congreso da proposición de lei aprobada por unanimidade do Parlamento nacional galego para lle transferir a Galicia a titularidade e xestión da autoestrada AP-9. O veto constitúe unha competencia gobernamental a respecto das proposicións de lei que impliquen aumento do gasto público ou diminución do ingreso, consonte co artigo 134.6 da Constitución. 

Esta decisión, de uso absolutamente excepcional, podería non se ter en conta pola Mesa do Congreso, mais PP e C’s contan coa maioría absoluta nese órgano, polo que semella que a decisión unánime da cidadanía galega vai ser rexeitada con todo desprezo polo Poder Estatal, como xa pasou coa primeira proposición aprobada o ano pasado ou coa proposición de lei galega de transferencia das competencias sobre tráfico (2010) pola que pulou o vicepresidente Anxo Quintana no 2008.

O argumento do Goberno do Estado é que o traspaso a Galicia lle xeraría ao Estado obrigas coa concesionaria por uns 4.400 M€, o que é absolutamente falso, pois que a proposta non prevé o resgate da concesión e as transferencias ás Comunidades Autónomas efectúanse sempre en réxime de subrogación, asumindo éstas as obrigas estatais anteriores. 

É absolutamente falso que o traspaso a Galicia lle xere ao estado obrigas por uns 4.400 M€, pois que a proposta non prevé o resgate da concesión

 

Velaí que esta decisión constitúa unha labazada á cidadanía galega representada no noso Parlamento e un insulto á intelixencia colectiva do noso País. A España preocúpalle moito máis o negocio da concesionaria do que os intereses dos galegos, moi dependentes na Galicia atlántica (75% da poboación) deste eixo vertebrador pola falla na práctica dunha estrada alternativa completa. España condénanos a pagar 40 € pola viaxe ida e volta de Ferrol a Vigo, mentres casteláns e andaluces seguen a circular entre as súas cidades por autovías de balde.

Esta decisión tamén amosou a falla de peso real do PPdeG no contexto estatal. Todos fomos quen de comprobar polas declaracións do vicepresidente Rueda que o Goberno galego non sabía desta nova con anterioridade. Enterouse polos xornais. 

Feijóo xa non manda nada en Madrid. Que mal negocio o do pobo galego ao lle dar a maioría absoluta.

Comentarios