Opinión

AP-9, máis bicoca que negocio

[Xesús M. Piñeiro]

Son apenas 220 quilómetros, de Ferrol a Tui, mais xeraron perto de 3.000 millóns de euros desde a súa posta en servizo, por tramos. Os custos de construción non chegaron a 1.500 millóns. Anualmente factura por volta de 140 millóns (agás, e excepcionalmente, un 2020 de pandemia) e a concesión non caduca até 2048. Cifras máis propias dunha bicoca que dun negocio.

A AP-9 aplica neste principio de ano a maior suba de prezos das autoestradas no Estado español. Os  ex ministros de Fomento José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP) asinaron decretos que permitían á concesionaria elevar o prezo das peaxes para percibir ingresos adicionais que compensasen os custos incorridos coas obras e as bonificacións. Como se noutras autoestradas non se fixesen obras e bonificacións, que se fixeron, mais, iso si, sen repercutir nunha espiral de subas e aumentos a usuarios e usuarias.

A principal vía de comunicación da Galiza sendo un negocio para fondos internacionais máis que unha infraestrutura ao servizo dos galegos e galegas. 2021 debería de ser o ano no que pór data de caducidade sen pés nin cabeza.

Comentarios