Polafía o 12 de outubro

Ao rescate da cultura popular en Taboada

As polafías son un método inventado, baixo coordinación de Antonio Reigosa, pola Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) co obxectivo de recuperar “usos de creación musical e literaria de carácter popular”. Percorren Galiza desde 2007 e este sábado, 12 de outubro, estarán na parroquia de Vilela, en Taboada.
2019_CartelPolafiaTaboada_150_001
photo_camera Detalle do cartaz da polafía de Taboada. Imaxe: Sole Felloza (AELG).

As historias de tradición oral da comarca de Chantada son o botín que agardan recoller desde a sección de literatura e tradición oral da AELG. Para iso intervirán, a partir das cinco da tarde en Casa Romualdo (Vilar, Vilela, Taboada), Ana Rey, Xosé Manuel Vázquez, Ana Vila, Francisco Almuíña, Anxo Moure e máis veciñanza da contorna. O título da tarde, Historias de cabezóns e loitadoras.

Mais antes da polafía haberá programa previo, que comeza ás 11.30 horas na Casa Romualdo e segue media hora despois cunha excursión polas proximidades para coñecer a cabeza do guerreiro de Ralle e os esgrafiados. Guiará Xosé Manuel Vázquez. Previa reserva (982455010/650226646) poderase asistir a un xantar.

As polafías da AELG procuran adaptar “as antigas xuntanzas tradicionais aos tempos actuais, con recursos técnicos que permiten darlle agora un carácter estábel e con garantía de futuro á creación espontánea dos asistentes”.

Comentarios