Opinión

Ao Celta sóbranlle os motivos

Quen queira crer que crea, e quen non, que siga vivindo na súa vida gris sen emocións.


Quen queira crer que crea, e quen non, que siga vivindo na súa vida gris sen emocións. Eu creo. Creo firmemente que esta será a tempada da reivindicación dun estilo de xogo, dunha idea 'machacona' sobre o terreo de xogo, dunha atitude, dunha visión do fútbol alegre e feliz. Eu creo que este é o ano de todos, o ano de facerse maiores e pisar Europa coa ilusión e a inocencia dos nenos que van por primeira vez á escola. Non renuncio a soñar e a pensar que todo o traballo que se leva feito até o de agora terá un final perfecto. Non falo da Champions nin da Europa League, falo de pasear por Europa, dá un pouco igual a cidade. Ese ten que ser o obxectivo da tempada, senón estaremos todos enganados e renunciaremos á ambición do “si se pode”. O vivido o sábado fronte ao Espanyol foi o argumento perfecto para levantarse e mirar o futuro con optimismo. Un Celta peleón, sufridor, loitador e optimista pese a xogar toda a segunda metade cun home menos. Un Celta que mirou cara adiante e evitou caer no negativismo, prexudicial para a súa saúde futbolística. Ese foi o mellor exemplo deste Celta e desta idea de equipo que leva a sinatura de autentificación de Eduardo Berizzo, o culpable de todo isto e o responsable directo de que cada balón sexa unha nova ocasión de gol na mente dos xogadores celeste.

A Copa, por que non?

Non falo da Champions nin da Europa League, falo de pasear por Europa, dá un pouco igual a cidade

No futuro inmediato do equipo aparece debuxada a copa, esa competición que tanto lle pesa ao Celta, pésanlle as derrotas pero sobre todo, o feito de tela acariñado coas puntas dos dedos e nunca ser quen de gañala. Cada ano é unha nova oportunidade para gañala. E este ano, de novo, a pregunta segue a ser a mesma, por que renunciar a gañar? Non, a renuncia nunca se acepta e se as rotacións serven para algo é para construír xogadores de futuro, os Alende, Señe, Borja, Pape & cía están chamados a dar un paso adiante nestes partidos. Non son minutos regalados, extra, son minutos na procura dun título que por fin deixe o Celta fóra na marxe oscura da competición, na marxe dos equipos que nunca foron quen de gañar un título. O bo resultado da ida só pode ser un pulo para pechar a ronda por todo o grande e chegar a oitavos de final polo grande.

Son moitos os motivos polos que o celtismo ten que crer e moitos os afeccionados que cada día teñen máis claro que soñar é gratis e que, se a música soa, por que renunciar a bailar?

Comentarios