Opinión

Anxo Quintana

Pasaron máis de catro anos para acadarmos o relativo consenso de que a foto de Anxo Quintana con Jacinto Rey pertence ás últimas semanas do verán do 2005 no canto do verán do 2008, onde determinados media de Madrid aínda teiman en ubicala. Faltaban case tres anos para a convocatoria do concurso eólico ( marzo de 2008) e case tres e medio para a súa adxudicación (decembro de 2008). Jacinto Rey, na altura, era un dos principais empresarios galegos, empregando milleiros de traballadores e non enfrontara nin imputación penal nin dúbida ningunha a respecto da súa honorabilidade. 

Quintana demitiu do seu posto na Mesa do Parlamento á metade da pasada lexislatura para se dedicar á súa actividade de internacionalización de empresas europeas, sen que teña nunca prestado servizos, mesmo nin ocasionalmente, a empresa ningunha de Jacinto Rey, como temerariamente seguen a afirmar determinados opinantes na capital do Estado. No decurso da súa actividade ninguén pode acusarlle que use ou teña usado as oportunidades que se lle presentaron nas súas tarefas de goberno. Non liscou, xa que logo, facendo uso da porta xiratoria que usaron Aznar, Acebes, Zaplana, Elena Salgado ou Felipe González.

"Quintana pasea pola rúa como un cidadán normal sen sentir ese rexeitamento que impera contra os políticos".

Quintana pasea pola rúa como un cidadán normal sen sentir ese rexeitamento que impera contra os políticos. Atopouno, en troques, nunha certa elite financeira e mediática que manobrou con todos os seus esforzos para que non repetise no Goberno, se cadra porque a política de transformación tranquila que desenvolvía o galeguismo daquela  preocupáballe bastante máis ca determinadas retóricas radicalizantes.

 Mais boa parte do nacionalismo creu no relato dos inimigos desta transformación tranquila e pasou páxina tanto a respecto do liderado desenvolvido por Quintana como da propia orientación do nacionalismo como forza de goberno. Pero o mundo, ás veces, da lugar á reparación. E ningunha reparación mellor ca pensar e artellar o galeguismo como forza transformadora e de Poder, artífice da boa gobernanza.       

Comentarios