Anxo Quintana defende que o éxito do BNG arrincaría escanos á dereita

O ex vicepresidente da Xunta co bipartito, Anxo Quintana, ve clave que Galiza logre "voz propia" en Madrid co regreso do BNG ás Cortes despois do 10-N. Ademais, defende que na actual conxuntura política, o Bloque disputa en Galiza escanos á dereita "en calquera das súas versións" polo que, cuns bos resultados para o nacionalismo, mataríanse "dous paxaros dun tiro". 
Foto páx 8. QuintanaBBB
photo_camera Anxo Quintana, nunha imaxe de arquivo. [Europa Press]

“A min non me gusta falar de eleccións e votos en claves matemáticas, o voto útil dáme reparos, pero é certo que o multipartidismo e a dispersión do voto que se dá agora colócanos nunha situación totalmente nova. O domingo, que o BNG teña representación en calquera provincia galega vai significar que o PP, Ciudadanos ou Vox teñan un deputado menos”, esgrimiu, en declaracións a Europa Press.

“Esa é a disputa: que o teña o BNG ou a dereita española en calquera das súas versións. Para todos os que queremos que Galiza teña representación propia é un acicate máis. Se o PP non só logra representación senón que lle quita representación á dereita, matariamos dous paxaros dun tiro”, resaltou, ás portas da próxima cita coas urnas.

Baixo o seu punto de vista, se o Bloque volve estar en Madrid significa que “Galiza estará” e, a partir de aí, que se poderá “construír un futuro diferente”. De feito, reivindicou que, aínda que el é nacionalista, esta visión supera a clave ideolóxica e trátase dunha cuestión de “pragmatismo puro”.

“Só mediante unha representación política propia pódese impor democraticamente a presenza de Galiza no debate estatal. Para os que estivemos alí non hai dúbida”, contrapuxo Quintana, antes de proclamar: “Para vencer, primeiro hai que ser. Para gañar, primeiro hai que existir. Se Galiza non existe como realidade política diferenciada, é imposíbel que aspire a un futuro diferente e mellor”.

Quintana evitou profundar acerca da evolución do nacionalismo e do rupturismo na comunidade co argumento de que non dispón de “datos suficientes” para avaliar todas as cuestións “con minuciosidade”. Iso si, remarcou que “hai unha evidencia, con todos os achaques que se lle poidan asignar, e é que o BNG tivo unha virtude, foi capaz de resistir”. “Nos peores momentos e cando todo o mundo vaticinaba a desaparición do nacionalismo organizado (en Galiza), o BNG foi capaz de resistir e iso, mírese por onde se mire, é un éxito que hai que atribuír á actual dirección do BNG”, sentenciou.

Un proxecto político útil

Esta resistencia, ao seu modo de ver, é un logro que “calquera nacionalista”, incluso os que como el están afastados da primeira liña política, ten que “recoñecer ou agradecer”. “Polo menos eu así o fago”, dixo. Quintana incidiu na importancia de que nos últimos comicios xerais e municipais “ese halo de forza política imbatíbel” abandonase ao PP, aposta por “construír o futuro” desde a “realidade” actual do BNG. “Eu sempre pensei que o nacionalismo debería ser un proxecto político útil, que no século XXI ten que afianzar o seu carácter de proxecto pensado para o benestar dos cidadáns”, resolveu o ex líder nacionalista, que nas últimas municipais participou das listas do BNG.

Comentarios