ESPECIAL SOBRE ANTONIO FRAGUAS

Antonio Fraguas e o Seminario de Estudos Galegos

Antonio Fraguas faría parte do Seminario de Estudos Galegos (SEG) no mesmo grupo que Ricardo Carvalho Calero, Sebastián González García-Paz ou Xoaquín e Xurxo Lourenzo Fernández. No seo do SEG e até o golpe de Estado, seguiría desenvolvendo pesquisas que o confirmarían como un excelente investigador.

O Seminario de Estudos Galegos en Pontevedra. De pé, de esquerda a dereita,
Pedrayo, Lousada, Cuevillas, Risco, Carballo, Filgueira, González García-Paz, Pintos
Fonseca, Fraguas e Ossorio F. Tafall. Diante, Parga Pondal, Moralejo, Carro, Cabeza
de León, Arias Sanjurjo, Álvarez Limeses e Novás Guillán (Arquivo MPG-AFF).
photo_camera O Seminario de Estudos Galegos en Pontevedra. De pé, de esquerda a dereita, Pedrayo, Lousada, Cuevillas, Risco, Carballo, Filgueira, González García-Paz, Pintos Fonseca, Fraguas e Ossorio F. Tafall. Diante, Parga Pondal, Moralejo, Carro, Cabeza de León, Arias Sanjurjo, Álvarez Limeses e Novás Guillán (Arquivo MPG-AFF).

Sen títuloEscribir arredor de Antonio Fraguas (1905-1999) e o Seminario de Estudos Galegos retrotráeme ás horas que pasei conversando cos últimos membros e activistas dunha xeración extraordinaria da nosa historia nacional. Desde Xaime Illa Couto a Isaac Díaz Pardo, pasando por Lois Tobío, Francisco Fernández del Riego, Avelino Pousa Antelo, Borobó ou Rufo Pérez, cos que tiven a honra de coñecer desde finais dos ’90 a través daquelas conversas como era a Galiza na que viviran de mozos e como fora a súa militancia en favor dun país novo (así como o tempo de ditadura).

Como é natural, o Seminario de Estudos Galegos era unha referencia central para todos eles. O Seminario era a grande nao científica da Galiza que daquelas puido ser e que non foi plenamente, polo golpe militar do ’36 e a longa ditadura… Dos integrantes daquel grupo cos que puiden tratar, Tobío fora o único dos fundadores da institución, sendo un estudante universitario en Compostela por volta de 1923.Fraguas, un ano máis vello que Tobío, fora un dos máis notábeis investigadores do SEG. A súa morte no final dos ’90, cando me dispuña a contactalo, fixo que non puidese parolar con el tal e como fixera con aqueles seus ‘irmaos na Causa’.

O Seminario de Estudos Galegos

Tal e como é ben coñecido, o SEG naceu o 12 de outubro de 1923, da man dun grupo de estudantes universitarios. Aglutinados arredor do catedrático Armando Cotarelo Valledor, para alén de Tobío, facían parte dos pioneiros do Seminario, Wenceslao Requejo Buet, Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde, José Pena, Alberte Vidán, Ramón Martínez López, Manuel Magariños, e Ramón Francisco Romero.

Nacía o SEG a partir da iniciativa que inmediatamente antesviña de impulsar Antón Lousada Diéguez desde Pontevedra -onde exercía a docencia como catedrático de Filosofía-, baixo a denominación de “Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas”.

En A Nosa Terra saudábase a iniciativa desde primeira hora, afirmándose no voceiro das Irmandades da Fala que:

“Afecta â seición de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago, creouse un Seminario de Estudos Galegos, do que é presidente o noso distinto amigo e ilustre catedrático Armando Cotarelo Valledor.

Este Seminario promete ser un centro de gran importancia para o fomento e cultivo non somente da literatura rexional senon tamén para as cencias históricas e para o desenvolvimento da vida galega nun amplo nun amplo orde cultural” (A Nosa Terra, 1/12/1923).

O Seminario era a grande nao científica da Galiza que daquelas puido ser e que non foi plenamente, polo golpe militar do ’36 e a longa ditadura

Tal e como nunha conversa me comentaría Xaime Illa Couto, o Seminario de Estudos Galegos nacía “frente a unha Universidade completamente allea a Galicia (...) nun tempo no que as Universidades (...), participan do cacicato que había en Madrid, dos grandes gurús da ciencia..., repartíndose por España os seus alumnos”. Cumpría producir cientificamente, en galego, ao servizo da Galiza e do seu futuro.

Quen queira ampliar coñecemento sobre esta institución debe ler, de non telo feito, o volume O Seminario de Estudos Galegos. Imprescindíbel obra da autoría de Alfonso Mato, quen en 2001 me entregaba un exemplar da mesma, saído do prelo, nas instalacións do Instituto Galego de Información, sede do novo SEG.

Fraguas e o Seminario

Ao grupo fundador do SEG sumaríanse ao pouco outros estudantes notábeis como Ángel Romero Cerdeiriña ou José María de la Fuente. Antonio Fraguas faría parte do SEG no mesmo grupo que Ricardo Carvalho Calero, Sebastián González García-Paz ou Xoaquín e Xurxo Lourenzo Fernández, é dicir, na segunda grande fornada de estudantes universitarios que se sumarían entusiastamente ao Seminario e que tanto deron ao país.

Fraguas non chegaría casualmente ao Seminario. Tivo como profesores no bacharelato a Castelao, Ramón Sobrino Buhigas e Antón Lousada Diéguez. Este último sería decisivo para a súa militancia no galeguismo.

Cando nacía o SEG, Antonio Fraguas contaba con dezaoito anos e estaba a piques de comezar a licenciatura de Filosofía e Letras na Universidade compostelá (onde Cotarelo Valledor sería profesor seu). É lóxico que tivese que agardar á recta final dos anos ’20 para se facer un oco na institución e na investigación ao servizo do país, após o seu tempo de formación universitaria. A isto debemos sumar que os fundadores do Seminario adicarían os dous primeiros anos a crear as bases sobre as que desde 1925 se erguería a institución, que tería o seu máximo esplendor no tempo republicano. Fraguas chegaba a tempo de colaborar no mellor contexto para dar o mellor de si ao servizo do país a través do SEG.

Os dous primeiros anos de andaina do Seminario coincidirían co parón que tería Nós. Boletín Mensual da Cultura Galega, grande cabeceiro da intelectualidade galega do primeiro terzo do pasado século XX. No 1925 relánzase Nós e observamos como o Seminario está presente número a número, tanto con achegas dalgúns dos seus máis significados activos (asinarían naquel ano Cotarelo, Cuevillas, Bouza Brey, Martínez López, para alén de Risco ou Otero Pedrayo, entre outros xa asiduos de Nós).

Até o seu pasamento mantería viva a lembranza (e espírito) do Seminario, legándoa a novas xeracións

En 1928 Antonio Fraguas formaliza a súa entrada no Seminario, defendendo unha investigación arredor do castro de Soutolongo (o castro de Vilar, en Lalín).E no mes de novembro daquel mesmo ano Fraguas pasará a ser bibliotecario do SEG, substituíndo no cargo a Sebastián González. Daquelas contaba Fraguas con vinte tres anos. En abril do 1929 achamos a súa primeira colaboración en A Nosa Terra. Un texto intitulado O Carmelo do Cordillo, conto de ambientación ruralista e fondo patriótico galego, que remata cun ¡Terra a Nosa!.Colaboración á que lle segue unha outra no mes de xullo, do mesmo ano, intitulada Unha serán na Catedral. Neste caso adicada á riqueza patrimonial da Catedral compostelá e á devoción relixiosa que espertaba, e onde tamén sobresairía un final de exaltación nacional.

Investigador de referencia

En 1929 participa da xeira do SEG que daría lugar ao volume, catro anos despois, Terra de Melide. En 1930 Antonio Fraguas será autor dunestudo arqueolóxico que xa o sitúa como un investigador galego de referencia, ao abeiro da sección de Prehistoria do SEG. Xunto a Florentino López Cuevillas (responsábel da devandita sección) e Pura Lorenzana Prado realizaría unha investigación sobre as mámoas do concello do Saviñao. Tal e como se pode ler en A Nosa Terra (nº276, 1/10/1930), centraron aquel estudo Fraguas, Cuevillas e Lorenzana na anta de Abuíme e na necrópole de Monte da Mora no devandito concello. De aí en diante Fraguas seguiría desenvolvendo pesquisas que o confirmarían como un excelente investigador.

En novembro de 1931 Fraguas será nomeado secretario de actas suplente na directiva do SEG, tal e como Alfonso Mato ten referido, sendo o titular desta responsabilidade Ricardo Carvalho Calero. En decembro do 1933, cando viña de rematar de ser profesor auxiliar na Facultade de Filosofía e Letras, na que se formara, -e para se incorporar á docencia no ensino secundario, no concello da Estrada-, volvería ser elixido bibliotecario do Seminario, tal e como xa o fora no 1928. E desde 1934 pasaría a ser un dos conselleiros permanentes do Seminario, traballando arreo a favor da institución e o que esta simbolizaba. Tempo no que militaría fervorosamente no Partido Galeguista.

O golpe militar de 1936 levaría por diante, como tantas outras realidades, o SEG. Fraguas sería apartado da docencia, polo este seu activismo galeguista,mais até o seu pasamento mantería viva a lembranza (e espírito) do Seminario, legándoa a novas xeracións.

[Este artigo forma parte do A FONDO especial sobre Antonio Fraguas que vai ser entregado co semanario en papel Sermos Galiza número 346 e que estará á venda a partir da quinta feira]

Comentarios