Opinión

Antonio Fraguas: Escribir libros fronte a queimar libros

Antonio Fraguas sabía ben que o acceso ao saber, a oportunidade de estudar é un dereito do que durante moitos séculos a meirande parte da poboación estivo excluída. Moitos, sobre todo moitas, aínda o están, como lembra o atentado á paquistaní Malala Yousafzai. O seu activismo contra a prohibición talibán da asistencia das nenas á escola estivo a piques de custarlle a vida. Nuns casos a exclusión débese á pobreza, ás guerras ou á fame que obrigan a emigrar, noutros a razón é, para a metade da poboación, seren mulleres. De todos os libros que lin o que me resultou máis angustioso, até o punto de ter que interromper a súa lectura, é O muíño no Floss, que narra os esforzos frustrados de Maggie Tulliver por acadar unha educación e desenvolver o seu talento.

Fraguas non estaba destinado estudar e, de non ser pola intervención de don Antonio Vidal, o mestre de Famelga que lle deu aulas apenas tres meses, en 1919, teríamos perdido o seu maxisterio: "dele una carrerita –díxolle ao pai–, que vale para estudiar". De asistir unicamente á escola de Insuela, na que non aprendeu nada e, dicía con retranca, chegou a crer que a regra só valía para bater nas mans, acabaría de maquinista de tren, como imaxinara seu pai. Habendo moito que mudar no ensino, creo que Fraguas coincidiría comigo no seu papel como ferramenta de desenvolvemento persoal, e en considerar unha frivolidade –propia de persoas que non tiveron que loitar polo dereito á educación – o desprezo polos estudos. A Real Academia Galega recoñeceu a significación do mestre na vida de Fraguas realizando o acto do Día das Letras Galegas na carballeira de Famelga, diante da escoliña.

Pódese dicir que hai dous tipos de persoas: as que len e escriben libros, e quen os queima ou destrúe. Antonio Fraguas era daquelas para as que non abonda facerse cos saberes existentes, e se empeñan en construír saberes novos. Desde que aos 13 anos –grazas a don Antonio– comprendeu que as ciencias permiten entender por que florecen as pedras, que a historia serve para imaxinar o futuro, dedicou os seus esforzos a acrecentar os coñecementos sobre Galicia, a súa cultura, xeografía, arqueoloxía, antropoloxía e moito máis. Consciente de que o ensino mudara a súa vida, comprometeuse en ensinar a outros, no Instituto da Estrada, até ser depurado en 1936; despois no Instituto de Lugo, ao serlle permitido regresar á docencia, e no Rosalía de Castro, onde se xubilou. Seguindo o exemplo de Antonio Vidal, e as propostas da Institución Libre de Enseñanza, a súa aula non tiña paredes; estaba no campo, onde mellor se aprende xeografía, onde podía despertar no alumnado a emoción, o cariño pola paisaxe galega.

O de mestre era un dos títulos que levaba con máis orgullo, mestre non só do seu alumnado, que o lembra con agarimo, senón de todos nós a través dos traballos que nos legou, sexan estudos ou unha institución como o Museo do Pobo Galego, que ten por obxectivo a investigación, divulgación e defensa da cultura galega.

Hai, porén, estudos realizados por Antonio Fraguas que non chegaron a nós. En 1933 o Seminario de Estudos Galegos, do que el formaba parte, publicou Terra de Melide, resultado do traballo de campo realizado ao longo de varios anos. De forma semellante, desde 1928, o Seminario de Estudos Galegos emprendeu en Lalín o estudo que debía culminar na publicación de Terra do Deza. Nas xeiras participaron, entre outros, Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Vicente Risco e Aller Ulloa. Fraguas encargouse de catalogar os castros. A destrución de libros é terrible, mais peor é a destrución de orixinais, que nos priva do libro para sempre. Seica isto é o que ocorreu con Terra do Deza, que os fascistas farían desaparecer antes de entrar no prelo, aínda que como tantos sucesos neses días de barbarie e confusión, non está documentado. Unha forma de homenaxear a Fraguas, ademais de ler a súa obra, é procurar, por medio dos votos, que nin nos concellos nin en Europa senten quen prefiren destruír libros a lelos.

Comentarios