Antonio M. Fraga acada o primeiro Premio Antón Risco de literatura fantástica

Antonio Manuel Fraga vén de gañar a primeira edición do Premio Antón Risco de literatura fantástica que convoca Urco Editora. Carlos Quiroga foi finalista. 

Antonio_Manuel_Fraga
photo_camera Antonio Manuel Fraga

O xurado desta primeira edición do Premio Antón Risco reuniuse onte, quinta feira, para outorgarlle o galardón á obra presentada baixo o título “Querido H.P.L.”, da autoría de Antonio Manuel Fraga Allegue. Asemade, pola súa calidade, o xurado tamén decidiu nomear finalista a obra "Peixe Babel", da autoría de Carlos Quiroga, que será premiada coa súa publicación.

Antonio Manuel Fraga (Pontedeume, 1976) é un enxeñeiro técnico industrial que iniciou a súa traxectoria na literatura galega en 2013, cando gañou o X Certame de microrrelatos da Lonxa Literaria de Moaña e o Premio Merlín coa obra O castañeiro de abril. Tamén publicou Xildas en Sushi Books e O grilo máxico este mesmo ano en Galaxia. 

O Premio Antón Risco está convocado por Urco Editora, en colaboración coa Fundación Vicente Risco e outras entidades. Con el queren homenaxear o escritor e teórico da literatura Antón Martínez-Risco Fernández (Allariz, 1926-Vigo 1998). Continuador do gusto polo fantástico do seu pai, Vicente Risco, Antón Risco foi un profundo teorizador e creador da literatura fantástica, ademais de ter publicado unha ducia de libros de narrativa en galego. 
 

Comentarios