Antón Sánchez presenta un recurso no TSXG pola “continua vulneración” dos seus dereitos como deputado

Presenta un recurso contencioso administrativo por non lle entregar o goberno galego a documentación que leva solicitada desde 2013 sobre a fusión das caixas galegas.

Antón Sánchez
photo_camera Antón Sánchez

Antón Sánchez, deputado e viceportavoz parlamentar de En Marea, presentou un recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG). Unha medida que adopta, informa, na defensa e protección dos seus dereitos como deputado no Parlamento galego “ante a reiterada negativa do goberno a entregar a documentación solicitada sobre o proceso de fusión das caixas galegas”. Unha información que demanda desde 2013 e que a finais do pasado mes de setembro volveu reclamar, desta vez a través dun escrito dirixido á presidencia da Cámara.

Nin información nin resposta algunha teñen as súas peticións, indican desde En Marea, malia que a Xunta “está obrigada” a fornecer as mesmas.

Os documentos que solicita Antón Sánchez e que non lle son entregados son basicamente dous. O primeiro deles, a carta de encargo da auditora KPMG sobre as caixas e que desde o goberno galego afirmaban que avalaba a fusión. “Este documento desapareceu misteriosamente e non sabemos por que non se quere entregar”, sinala o deputado.

O outro documento solicitado son os informes técnicos da propia Consellaría de Facenda, incluídos no expediente de fusión. “Estamos perante unha situación gravísima, xa que se está ocultando a verdade, non aos deputados senón á cidadanía”, criticou Sánchez. 

Comentarios