En Marea e Anova, separados por 200 metros, fan chamamentos á unidade

Ambas forzas políticas afirman estar comprometidas coa ‘unidade popular’ e piden non entrar no xogo do “patriotismo partidario”

Acto de En Marea
photo_camera Acto de En Marea

Ás 13 horas no parque de Galeras e ás 13:30 horas no parque de Vista Alegre, entre os que apenas distan 200 metros físicos. Eses foron os escenarios escollidos por Anova e En Marea para celebrar respectivamente os seus actos de celebración do día da Galiza. Ambas formacions políticas quixeron aproveitar a ocasión para reivindicar a “unidade popular” compartindo un espazo festivo no que se pasou por alto o solapamento das cerimonias.

“En Anova levamos catro anos celebrando con este formato o Día da Patria. Nós estamos comprometidos coa unidade popular os 365 días do ano e cremos que facer ao ano un acto como Anova non ten esa transcendencia que se lle poida querer dar porque desde o noso nacemento poñemos por diante fórmulas de unidade e non de patriotismo partidario”, explicaba ante a prensa o portavoz nacional de Anova Antón Sánchez minutos antes do acto público. Nel tamén falou Xosé Manuel Beiras, ex portavoz nacional do partido, quen resumiu en tres os retos que afronta Anova.

“O primeiro reto é aportar as nosas enerxías aos posíbeis e imposíbeis para co poder do Partido Popular, o segundo é conseguir que a dirección de En Marea recupere o proxecto polo que naceu, e recuperar a posta en práctica e lealdade aos principios fundacionais, e o terceiro é emprazar as forzas do Estado e as súas sucursais a que reconsideren e resignifiquen o seu comportamento respecto de nós”, declarou Beiras en referencia ao papel no Congreso de Deputados, no que En Marea figura inserida dentro do grupo parlamentar de Podemos. O fundador de Anova concluíu o seu discurso pondo o foco na “clase popular galega” e no obxectivo polo que cómpre loitar, que sería desartellar “a dobre desalienación que sofre o noso país, de clase e colonial”.

Pola súa banda, Antón Sánchez incidiu na importancia de “construír a patria e a soberanía popular desde os Concellos”. O deputado no Parlamento galego por En Marea fixo referencia ás próximas eleccións municipais, onde o seu partido procura que “as mareas municipalistas poidan consolidarse e ampliar o seu espazo para abrir un cambio constituínte na Galiza para 2020”.

Este próximo desafío electoral ten lugar nun contexto no que, segundo Sánchez, “o réxime do 78 está finiquitado” e nun Estado español onde “non se recoñece o dereito a decidir das nacións sen estado”, apuntou o portavoz, quen tamén quixo lembrar que “hai presos políticos actualmente”. Ante tal situación, o político asegurou que Anova non ficará “nuns cambios simbólicos de imaxe, senón que tentaremos condicionar a política na Galiza e no Estado para que haxa mudanzas substanciais, recuperando os dereitos sociais e as liberdades”.

En Marea, “un espazo aberto e sen cancelas”

 

Un tempo máis tarde do programado, comezou tamén o acto conmemorativo de En Marea no parque Vista Alegre. O portavoz de En Marea, Luis Villares, entraba no recinto acompañado da deputada de Compromís, Mónica Oltra. O líder da confluencia puxo unha nota positiva do último ano no que, segundo sinalou, “por fin as nosas institucións atenden as necesidades da xente” e fixo alusión á forte mobilización social dos últimos meses, con referencia directa aos protestos feministas, manifestacións en contra das explotacións mineiras ou contra dos recortes sanitarios.

 

“Queremos estar á altura desta sociedade, deste latexo que é a nación que non se resigna ás inxustizas”, afirmou o deputado de En Marea. Do mesmo xeito que o seu compañeiro no Parlamento galego, Antón Sánchez, o ex xuíz quixo facer unha leitura en positivo do debate interno dentro da confluencia “En Marea xurdiu como un espazo de traballo e de unidade. Somos conscientes de que somos diversas e a xente gratificou social e electoralmente que fósemos capaces de chegar a acordos. Hai que facer política por esa xente e todo o que sexa distraernos de aí son debates que a ninguén debe interesar e que a nós non nos interesa”, concluíu.

Comentarios