Anova defende que o Día da Patria sexa unha celebración da "cidadanía" e non de "forzas políticas"

A Coordenadora Nacional de Anova, que se reuniu este sábado, advoga por que o Día da Patria Galega sexa unha "celebración da cidadanía" e non "das forzas políticas"

Primeira reunión da Coordenadora nacional de Anova após a súa Asemblea Nacional dos días 8 e 9 de Xuño. Ao seu termo, o órgao de dirección da forza política que lidera Beiras emitiu un comunicado en que dá conta do seu desexo de que o Día da Patria Galega 2013 sexa unha celebración da sociedade e non das organizacións políticas.

Porén, Anova si vai levar esta proposta ás órganizacións políticas. En concreto, fontes de Anova dan conta de que manterán contactos co BNG -foi o BNG quen se dirixiu en primeira instancia á forza política integrada en AGE para ter un encontro, dentro da xeira de contactos que a formación frentista está a realizar con outras forzas soberanistas- e con Compromiso por Galicia.

O BNG: Galiza, pola Soberanía!

O BNG, por súa parte, non contempla hipótese distinta á de convocar o Día da Patria Galega como tal BNG e vaino facer baixo o lema de "Galiza, pola soberanía", tal e como anunciou onte o seu portavoz nacional, Xavier Vence, após o acordo adoptado nese sentido polo Consello Nacional da organización frentista.

Para a formación nacionalista, neste momento é importante que as forzas políticas soberanistas, desde o principio da auto-organización, mostren sen ningunha ambigüidade o seu compromiso como tais coa conquista da soberanía. O BNG sempre concebiu o Día da Patria Galega, enfatizan, como unha convocatoria aberta á participación do conxunto da sociedade galega.

Comentarios