Anova convoca para 14 de decembro a súa cuarta Asemblea Nacional

A tese política apela “ao entendemento amplo á esquerda do PSOE para artellar alternativas que freen o avance da ultradereita nas súas diferentes formas”.
Anova rolda de imprensa
photo_camera Imaxe de arquivo dunha rolda de prensa de Anova a principios de ano.

A formación que lidera Antón Sánchez e que non se presentou ás dúas últimas elección estatais renovará a Coordinadora Nacional e empezará a preparar os comicios galegos de 2020. “Os debates estarán centrados na reformulación do proxecto baixo principios republicanos reconstruíndo o espazo con aqueles que aposten pola ruptura e a unidade popular”, explica Anova nun comunicado de prensa emitido esta quinta feira. 

A asemblea nacional da formación celebrase o 14 de decembro, sábado, nunha localidade por determinar da comarca de Compostela. Antes, os documentos que serán obxecto de debate serán sometidos á consideración da militancia en diferentes asembleas territoriais por todo o país. “A función de Anova debera ser reorganizar o espazo de ruptura en Galiza xunto con axentes que aposten por este mesmo obxectivo para recuperar a iniciativa e a ilusión na sociedade galega”, engade a nota. No electoral apela “ao entendemento amplo á esquerda do PSOE" para desenvolver alternativas "que freen o avance da ultradereita nas súas diferentes formas”. 

A asemblea renovará os organismos de dirección, en principio por un período de dous anos. Serán renovadas a Coordinadora Nacional e a Comisión de Garantías.
 

Comentarios