Anova concretará en febreiro a súa aposta unitaria para as eleccións municipais

Antón Sánchez defende como “indiscutíbel” a continuidade das mareas municipais e advoga por as estender a máis concellos. O portavoz nacional de Anova, chama a En Marea a cumprir o seu programa no que se recolle "o dereito a decidir" e resta importancia ás diverxencias a respeito de Catalunya no partido instrumental. 

antonsanchez
photo_camera Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova, nun acto electoral na Coruña [Arquivo / En Marea]

Unha conferencia política que previsibelmente terá lugar o próximo mes de febreiro será a encargada de “actualizar” a aposta de Anova pola “unidade popular” de cara aos comicios municipais de maio de 2019. Así o vén de anunciar o seu portavoz nacional, Antón Sánchez. Ese conclave porá o ramo ás “xeiras” territoriais que desenvolveu a formación nas últimas semanas. O obxectivo deses encontros era, segundo declarou Sánchez, “actualizar a nosa aposta estratéxica pola Unidade Popular, tecendo alianzas fraternais coa esquerda comprometida cun proceso de ruptura fronte ao Réxime do 78”.

No entanto, as manifestacións do portavoz nacional anticipan que a posición de Anova será a de continuar apostando nas “mareas municipais”, nun momento no que precisamente outras formacións como Esquerda Unida –con quen partillan ese espazo-- ou Podemos estarían a sopesar concorrer baixo outra fórmula. “As mareas municipalistas son o instrumento de cambio político e social nos nosos concellos. Correspóndelles a tarefa da transformación social. Son espazos abertos de participación política, plurais, van máis alá de militancias e contan cunha pluralidade política que incluso é maior que a de En Marea”, valorizou Sánchez para quen a experiencia destes anos visan que as mareas a nivel local “son un éxito e non hai que poñerlles paos nas rodas”. 

Desta maneira, a discusión na conferencia de febreiro non cuestionará a “aposta total polas mareas como espazo de unidade popular”, ao se tratar segundo Sánchez dunha “cuestión indiscutíbel”. A súa materialización concreta, aberta á incorporación doutros actores como o caso de Podemos que nos anteriores comicios declinara concorrer en ningunha candidatura, si será un aspecto a abordar. Tamén a eventual expansión desta fórmula a máis concellos que os atinxidos en 2015. 

División en En Marea

A respeito da división existente en En Marea en relación a situación de Catalunya, e a ofensiva autoritaria do Estado contra o proceso soberanista, desde Anova reclaman o cumprimento do programa electoral da confluencia. “O dereito a decidir é un elemento central do programa de En Marea. O dereito a decidir e a apertura de procesos constituíntes para a construción confederal dun Estado”, lembrou Sánchez.

O líder de Anova quitou ferro ás diverxencias no seo do grupo de En Marea no Parlamento galego, que atribúe á “pluralidade interna” e que volveron quedar ao descuberto durante a votación dunha proposición do BNG para rexeitar a aplicación do artigo 155 contra o autogoberno na Catalunya. Sánchez e outros deputados de Anova, Cerna e independentes, abandonaron a sesión parlamentar para non acatar a abstención fixada como voto de grupo. 

Comentarios