Anova cede perante Podemos e EU e En Marea irá como coligazón ao 26X, non como partido

O deputado de En Marea Gómez-Reino chegou instar o partido de Beiras a deixar a plataforma se insistían no tema do partido instrumental. O prazo para rexistrar coligazóns finaliza esta sexta feira.

Pablo Iglesias mitin En Marea xerais decembro 2015
photo_camera Pablo Iglesias mitin En Marea xerais decembro 2015

Anova tira a toalla e En Marea non concorrerá o 26X como partido instrumental (fórmula que os de Beiras xa rexistraran perante Interior), fórmula coa que confiaban en blindar xuridicamente a obtención de grupo parlamentar para as e os deputados que saian das urnas nas eleccións xerais. En Marea irá a esa cita do 26 de xuño como foi á do 20-D, como unha coligazón, pois así o queren Podemos e Esquerda Unida, perante os que os de Anova tiveron que ceder, segundo informa La Voz de Galicia, após unha xuntanza de 5 horas nas que se viviron, segundo as fontes consultadas polo xornal de Sabón, momentos de tensión.

Segundo este relato, Anova insistía na reunión en que as bases deberían ter opinión e poder votar baixo que fórmula concorrería En Marea ás eleccións. Algo que Antón Sánchez xa propuxo esta segunda feira, ao apontar que o acordo acadado entre Anova, Podemos e EU no verán de 2015 para concorrer ao 20-D debería ser sometido agora á valoración das bases para ver se desexaban mantelo ou cambialo. Os de Beiras reiteraron na xuntanza a necesidade de facer de En Marea un partido instrumental, unha insistencia que non gostou a Gómez-Reino, de Podemos e cabeza de lista pola Coruña nas eleccións de decembro pasado, que instou Anova a deixar a plataforma se mantiñan esa liña. Anova, porén, optou por transixir e ceder, para afastar así a tensión e o risco de ruptura. Mais o pulso mantense, tamén coa vista posta nas eleccións galegas e co cruce de declaracións entre Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz.

Grupo parlamentar

Anova semella que fica soa na teima nun grupo parlamentar para En Marea. Nin desde Esquerda Unida nin desde Podemos consideran que ese sexa un tema importante e vense cómodos como 'subgrupos' do grupo parlamentar que teña Podemos-Izquierda Unida. Rubén Perez, secretario de Organización de Esquerda Unida, chegou, nun programa de Vtelevisión, a afirmar que “se alguén se presenta a unhas eleccións para ter grupo parlamentar é un cretino”

Comentarios