Un ano de premios e de cambio de modelo na Deputación da Coruña

Cambio de goberno e cambio de modelo nos premios que outorga o organismo provincial. Un Torrente con modalidade de galego e máis mulleres nos xurados, con resultado de máis féminas galardoadas, son as principais novidades.

PREMIOS CULTUARIS DEPUTACION 2016
photo_camera Entrega dos premios culturais da Deputación da Coruña neste 2016

Novos nomes e persoas xa coñecidas nos distintos ámbitos culturais déronse cita no acto de entrega dos premios das áreas de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña deste ano que premiaron, entre outros e outras, as escritoras Eli Ríos e Lorena Conde e o escritor Vicente Luís Mora, ás bandas Bala e Colaxe en música infantil, a Pablo Carpintero e Lidia Neves en artesanía, a Emilio Fonseca en banda Deseñada ou a David Calle en arte. Os premios de lingua recoñecen o labor de Xabier P. Docampo, a Semente e Correlingua. A lingua e a presenza de mulleres foron claras protagonistas no acto de entrega que se desenvolveu na mañá deste xoves día 22 na sede da Deputación.

Con 25.000 euros cada un, o Torrente Ballester converteuse no certame con maior premio económico dos convocados en Galiza.

Os premios recoñecen nesta edición, como destacou Goretti Sanmartín no acto, a  persoas creadoras e investigadoras con xa importante tradición no noso país, como Pablo Carpintero, que gañou o premio de Artesanía cunha reprodución da gaita de fol dunha cantiga de Santa María ou o escritor Xabier Docampo, “gran mestre e, sobre todo, mestre do entusiasmo en cuxo ronsel navegamos”, dixo. Descobren tamén novos nomes para a cultura como o caso de Emilio Fonseca,  que con 'Fóra de Mapa' resultou elixido polo xurado da décimo primeira edición do certame de Banda Deseñada Castelao,  Lorena Conde, con longa traxectoria como actriz que se dá a coñecer como poeta co Premio González Garcés polo seu libro 'Entullo' ou Eli Ríos, con obra como poeta mais que asina en 'Luns' a súa primeira novela para público adulto que nace xa co Torrente Ballester. Esta é tamén a edición en que, por primeira vez, o premio de narrativa se convoca en dúas modalidades, unha para obras en lingua galega e outra para obras en lingua castelá, da que resultou gañador o escritor Vicente Luís Mora coa novela 'Cabeza de vaca'. Con 25.000 euros cada un, o Torrente Ballester converteuse no certame con maior premio económico dos convocados en Galiza.

Os premios contribúen  a poñer o foco en obras como a de Lidia Nieves co seu xoguete-alfaia que conquistou o xurado do XI Premio de Artesanía Antón Fraguas na súa categoría contemporánea e apostan tamén por persoas que están a desenvolver importantes proxectos fóra da Galiza, como o caso de David Calle que acadou o XI Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez co seu 150 horas. O rock con protagonismo feminino estivo tamén presente no acto de entrega de premios coas compoñentes de Bala e MJ Pérez, as bandas gañadoras do VIII Concurso musical Deputación da Coruña.

No xurado do Premio Rosalía de Castro todas as súas compoñentes eran mulleres

Destacou tamén Goretti Sanmartín a vontade dos premios de potenciar o colectivo, a implicación social e a participación recoñecendo o traballo das escolas Semente, “que teiman en garantir o dereito das nosas crianzas  a se educaren na nosa lingua”, do Correlingua “que leva anos de dedicación para facer do compromiso co galego unha festa lúdico-deportiva- reivindicativa da rapazada” ou do novo concurso Quero cantar de música infantil que premiou a Banda Colaxe de Laxe.

Eis a listaxe completa de premios de cultura e lingua deste ano: 

- XI Premio de banda deseñada Castelao: 'Fóra de Mapa' de Emilio Fonseca Martín
- XI Premio de Artesanía Antón Fraguas: Pablo Carpintero Arias (tradicional) e Lídia Nieves Domínguez (contemporánea) 
- XVIII premio de Poesía Miguel González Garcés: 'Entullo' de Lorena Conde
- XI Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez: '150 horas' de David Calle
- XXVIII Premio de Narrativa Torrente Ballester. Modalidade galego: 'Luns' de Eli Ríos.
- XXVIII Premio de Narrativa Torrente Ballester. Modalidade castelán: 'Cabeza de vaca' de Vicente Luis Mora.
- VIII Concurso musical da Deputación da Coruña: Bala
- I Concurso musical infantil Quero cantar: Banda Colaxe
- VII Premio Rosalía de Castro de Lingua na modalidade xeral e na específica de traballo de recuperación do galego nas idades máis temperás. Xabier P. Docampo e Correlingua e Semente.