Ano desigual para as cotizadas galegas

Pese a que a economía galega vai fechar o ano en negativo como consecuencia da crise derivada da Covid-19, moitas das empresas galegas que cotizan en bolsa lograron salvar o ano e mesmo aumentar a súa capitalización.
Bolsa de Madrid (Europa Press).
photo_camera Bolsa de Madrid (Foto: Europa Press).

2020 vai ser un ano recordado por unha pandemia global que deixa milleiros de vítimas en todo o mundo e unha profunda crise económica da que a xente agarda comezar a recuperarse no ano que entra.

Para as empresas cotizadas galegas foi bastante desigual, moi bo para as que viron na pandemia unha oportunidade, e non tanto para outras máis dependentes da evolución da actividade económica, como é o caso de Inditex, principal valor galego.

A firma fundada por Amancio Ortega, a falta da xornada desta quinta feira, perdeu no ano 16,36% do seu valor en bolsa como consecuencia da caída das vendas, que foi mitigada polo auxe do comercio en liña. Os títulos da firma téxtil fecharon hoxe a 26,39 euros, cunha capitalización de 82.248 millóns de euros.

As da firma de moda non foron as únicas accións galegas que perderon valor en 2020. Destacan as caídas de 32,63% de Euroespes, a empresa con menor capitalización (4,13 millóns de euros), a de IFFE Futura, cunha desvalorización de 8,11% no último mes, ou a de Pescanova, que representan os minoritarios de Nova Pescanova e que fechan o ano case igual que empezaron, cunha redución de 1.48%.

As grandes triunfadoras

No extremo contrario están empresas como Netex, PharmaMar e Greenalia. A firma tecnolóxica vencellada á educación apuntouse unha revalorización de 170% grazas en parte á necesidade de procurar solucións para garantir a formación en tempos de confinamento.

Da crise tamén sacou tallada PharmaMar, a empresa capitaneada por José María Fernández de Sousa, que ten en Sandra Ortega unha das súas principais accionistas, fecha o ano cunha revalorización de 75,77%, após perder boa parte do gañado nos últimos meses. Os títulos, que chegaron a 148 euros, fechan 2020 arredor dos 73 euros. 

A que remata preto de máximos é Greenalia. A firma de renovábeis fecha o ano cun crecemento de 73,5%, coa acción en 17,35, fronte aos 18,40 que logrou nas últimas semanas. 

Fechan a lista Altia, empresa consultora tecnolóxica liderada por Tino Fernández, cun 7,35% de revalorización, e a distribuidora de telefonía Commcenter (+22%).

Comentarios