Un aniversario especial para Asunción Antelo, a Rexoubeira de Bergantiños

Cada ano, e de maneira especial os recentes, no lugar de Segufe, na parroquia de Seavia, conmemórase o aniversario de Asunción Antelo, a Rexoubeira de Bergantiños. Desta volta, cando fai 96 anos, a festa é institucional xa que o Concello de Coristanco organízalle o domingo unha homenaxe. 

asuncion

Poeta e artista plástica, sabia da tradición, cantora popular, Asunción Antelo é muller querida e admirada en Bergantiños, de onde toma o nome para se recoñecer como artista. A Rexoubeira de Bergantiños chega o día 8 aos 96 anos e, desta volta, a conmemoración farase o vindeiro domingo cunha homenaxe institucional organizada pola Concellaría de Cultura, Educación e Turismo de Coristanco. 

A inauguración dun mural conmemorativo na praza de Seavia, feito polo artista Miguel Anxo Calvo, “O Mighelo” iniciará a homenaxe ás 17 horas para seguir cun percorrido musicado que conducirá ás persoas asistentes até Segufe,  á eira da casa -museo de Asunción no que se conmemorará o aniversario. 

“Contamos con todos e todas vós para que este sexa un gran día para Asunción e para a cultura do noso concello”, convidan desde a Concellaría de Cultura, Educación e Turismo, promotora da homenaxe que por vez primeira ten carácter institucional. Desde a Concellaría de Cultura recoñecen e agradecen ás asociacións e persoas que até agora valoraron e homenaxearon o traballo e a figura de Asunción Antelo, memoria e patrimonio vivo da comarca. 

O pasado ano, Asunción Antelo foi homenaxeada polo BNG de Coristanco, agora no goberno e á fronte da Concellaría de Cultura, nun acto no que destacaron a altura da figura da poeta e artista da que promoveron varias iniciativas para dar a coñecer a súa obra, entre elas, a gravación e difusión dos seus poemas nunha lectura colectiva por parte da veciñanza. 

Comentarios