Angela Merkel: Europa nas súas mans

Coa saída do Reino Unido e un Macron debilitado tras as recentes eleccións locais, a UE vive o seu momento máis alemán. Serao aínda máis a partir desta cuarta feira, cando Alemaña asuma a Presidencia do Consello da UE, a institución comunitaria máis poderosa. Como xestione a crise económica pos-COVID será o canto do cisne de Merkel.
2020063014351737424
photo_camera Angela Merkel e Emmanuel Macron, na presentación da súa proposta de Fondo de Recuperación (Kay Nietfeld / dpa)

"Unha cousa teño clara: Europa pode emerxer máis forte desta crise do que entrou. Se queremos facer realidade esta aspiración, debemos na miña opinión guiarnos por un leitmotiv: a cohesión e a solidariedade europeas".

Nun discurso pronunciado a finais de maio na Fundación Konrad Adenauer, en Berlín, a primeira ministra alemá, Angela Merkel, daba pistas dos pasos a seguir durante os seis meses de Presidencia do Consello da Unión Europea que comezan esta cuarta feira. Alemaña releva a Croacia e cederá o mando a Portugal o vindeiro 1 de xaneiro.  

Non é a primeira vez que a chanceler alemá fai un compromiso público coa "cohesión" e a "solidariedade" entre Estados membros da UE. O máis firme produciuse o pasado 18 de maio cando xunto co presidente de Francia, Emmanuel Macron, propuxo a posta en marcha dun fondo de recuperación da economía de 500.000 millóns de euros a través de subvencións non reembolsábeis. "O obxectivo é que Europa saia desta crise fortalecida, cohesionada e solidaria", asegurou Merkel daquela. 

A proposta franco-alemá tivo unha contraproposta por parte dos 'catro frugais' (Austria, Dinamarca, Países Baixos e Suecia) que demandan que se devolva o máximo posíbel da cantidade destinada ao fondo de recuperación e que vaia acompañado de reformas estruturais. O 27 de maio, a Comisión Europea ─que preside Ursula von der Layen, ex ministra de Merkel─ fixo a súa: un total de 750.000 millóns de euros cun modelo mixto de subvencións a fondo perdido (dous terzos) e de préstamos a devolver (un terzo). Lonxe semella quedar a proposta de Italia de emisión de débeda comunitaria, os "coronabonos", como ─defende─ a mellor solución para conseguir financiamento. 

Liñas mestras

O vindeiro 17 de xullo, o Consello Europeo deberá desatar este nó gordiano do que depende o futuro dunha UE onde o escepticismo cara ás institucións comunitarias medra entre a cidadanía. Angela Merkel podería ser quen o acabe cortando.

O 18 de xuño, a primeira ministra alemá compareceu no Bundestag para presentar as liñas da Presidencia da Unión para estes seis meses. Pasarán pola responsabilidade de Europa como actor global ─coas relacións cos Estados Unidos, coa China e con África como principais obxectivos─, e pola transición ecolóxica e dixital, en concordancia coa aposta da Comisión Von der Layen. 

Mais a recuperación da UE pos-COVID 19 e o perigo de que a crise faga maior a fenda intraeuropea centraron gran parte do discurso dela. "A pandemia afectou a todos, mais non a todos por igual. As consecuencias médicas e económicas da crise afondan nas desigualdades na comunidade europea", sinalou, e engadiu: "A pandemia móstranos que a nosa Europa é vulnerábel. Por iso digo con total convicción: a cohesión e a solidariedade nunca foron tan importantes en Europa como o son hoxe".

"Ningún país pode sobrevivir a esta crise de forma illada e soa. Só se pode superar se actuamos xuntos. O noso obxectivo común agora debe ser abordar a crise de maneira colectiva, sustentábel e con vistas ao futuro, e ese será o principio reitor da nosa Presidencia do Consello da UE", manifestou Merkel.

A Comisión Europea comprometeuse por escrito o 7 de maio a que o Fondo de Recuperación non precederá as visitas dos "homes de negro" (equipos de inspección do desenvolvemento de reformas obrigatorias). Porén, dunha ou outra maneira, haberá condicionantes, estabelecidos no marco de gobernanza económica da UE (como o Semestre Europeo), en base ao Pacto de Estabilidade e Crecemento e aos compromisos previos á crise do coronavirus.

Alemaña, que tradicionalmente se aliñaba cos países máis estritos co gasto, pode ser quen acabe decidindo o pulso cohesión vs. frugais. A gravidade da crise, a fenda intracomunitaria e a súa retirada da política cando a mediados de 2021 remate a lexislatura ─así como compartir Goberno co Partido Socialdemócrata─ explican o xiro de 180º de Angela Merkel. O futuro da UE ─e do benestar da súa cidadanía nos vindeiros anos─ están, para ben ou para mal, nas mans dela. 

O Consello da UE, unha cámara lexislativa de representación territorial dos Estados

Alemaña asume esta cuarta feira a Presidencia do Consello da UE, unha das principais institucións comunitarias e quizais a que maior poder teña xa que todos os Estados están representados e votan sobre todos os temas, divididos en dez formacións segundo os temas a tratar. É unha das tres que conforman o "triángulo institucional" da UE e equivalería ao Senado dun Estado federal. 

As outras dúas son o Parlamento Europeo, que faría o papel dunha Cámara baixa como o Congreso, e a Comisión Europea, que é o Goberno. O Consello da UE e o Parlamento Europeo son colexisladores, mentres que a Comisión exerce poderes executivos. Fóra deste triángulo está o Consello Europeo, a reunión de xefes de Estado e de Goberno que, como un líder espiritual, marca os camiños da UE con orientacións políticas.

Comentarios