O xornalista publica o seu primeiro poemario

Ángel Suanzes: "O futuro é unha eiva"

Ángel Suanzes convértese hoxe no entrevistador entrevistado. O xornalista vén de publica o seu primeiro poemario con Urutau, unha íntima sucesión de imaxes que diseccionan cunha honestidade estarrecedora o proceso do desamor. O texto vai acompañado das fotografías de Clara Honorato Soto, nunha reinterpretación persoal das múltiples capas da lembranza que esas breves "labazadas de realidade" esbozan sobre a cerna que nos conforma. 
O xornalista Ángel Suanzes [Quico Martínez].
photo_camera O xornalista Ángel Suanzes [Quico Martínez].

Iolanda Zúñiga afirma na lapela que "a ausencia, o desacerto, a fraude e outros desencantos nutren este texto nunha secuencia de fotogramas que o autor arrebola como proxectís" para "perforar a carne da lectora [...] procurando que a metrala desalentada enquiste, e levede, nas súas entrañas". Con semellante carta de presentación e un título tan evocativo como E se a memoria está na boca, Ángel Suanzes lanza o seu primeiro poemario.

Os poemas conclúen con breves citas entre aspas, como arrincadas dos momentos  dos que agromou o texto, palabras testemuño desa memoria "que está na boca". Van por aí os tiros?

O título veu do traballo de Tamara Andrés como correctora e de Wladimir Vaz como editor, a raíz dun dos versos. Eu tiña outro moi claro, Entradas e saídas, porque quería contar como unha persoa chega e marcha da túa vida. Pero logo decatámonos de que só estaba o final.

"Se falásemos dun filme, o poemario sería como a non-ficción"

A memoria é a base de todo, mais ten que estar ficcionada, aínda que si que ten ancoraxes coa realidade. Se falásemos dun filme, sería como a non-ficción. Até que punto xogamos coas cousas, as contamos ou as lembramos dunha maneira distinta a como foron? Aí van aparecendo as capas. Ás veces escavas e semella que atopas o que hai. A memoria está na boca podería ser A memoria está nos ollos, unha asociación se cadra máis habitual, ou nos oídos. É un modo de expresar o que as cousas poden tocar. E esas frases entre aspas poderían borrarse e cadaquén escribir a súa, porque todos temos frases cravadas no cerebro.

Esa articulación de fragmentos, tan ancorados ao intre, ofrece a sensación de que foi escrito sen pensar en que chegase a ser un libro, aínda que se aprecia un sentido de conxunto.

[Ri] Tes razón. Hai moitas ideas soltas, escritas en determinados momentos. Houbo certa confusión porque ao ser o primeiro poemario poño na descrición algo así como que "cheira a adolescencia". Teño máis de 40 anos e por veces véxoo moi naíf, como se falase do primeiro desamor, que non é así.

A partir de aí, un día decátaste de que ten certa continuidade. Nese senso, foi moi bonito cando Tamara o colleu. Eu son moi guionista e non estaba seguro. Creo que hai varias etapas, de máis frío a máis quente, de dentro a fóra, case de murmurar a berrar ao final. Houbo un esforzo porque tivese un sentido, aínda que logo vaias a calquera libraría e leas un poema solto. Pero se alguén quere procurar no todo ese relato, tamén quero que o vexa.

Modificouse a estrutura na edición, entón?

Non. Cando chegou xa estaba como agora a nivel textual. No fotográfico si que hai un traballo diferente, aí é cando o libro medra. Eu estou afeito a traballar na televisión, con moita xente, e pensaba que a escrita era algo individual e punto. Porén, descubrín que hai moitas persoas detrás: a corrección, a edición, a fotografía de Clara... E como che din todos nas entrevistas: "unha vez que o escribes, está libre". Esa frase, que escoitei tantas veces e non cría, realmente é así.

E como se vive esa liberación?

Con moita sorpresa, porque eu estou no outro lado do espello, ben o sabes. Estamos acostumados a contar o relato dos demais, e eu síntome cómodo con iso. Aínda que sempre se manipula algo, intento dar a esencia do que me están dicindo. Aquí é o meu relato, e ese primeiro momento de ter que defendelo é complicado.

A sorpresa inicial é ver que hai moita xente que se alegrou. Percibo unha acollida moi boa, logo xa no tema de vendas ou recepción crítica pérdome. Estou afeito ao ritmo dos cinemas e aquí non me acabo de situar, vai máis lento, tendo tamén en conta que é un poemario e o traballo cultural a este nivel está moi fodido desde o punto de vista xornalístico. Aínda non teño unha perspectiva clara da acollida, porque a primeira sempre é un pouco falsa ao vir do círculo máis próximo. Pero é certo que cando ves o libro maquetado si que cres máis que poida ser poesía.

Fala de que está máis afeito aos ritmos do cinema. Hai algo moi fílmico na linguaxe, xa desde ese comezo con "Carta de axuste", que anticipa precisamente a modo de preludio a vontade de contar unha historia.

O cinema inevitabelmente inflúe, pero máis que deste ou da televisión penso que xorde de imaxes que tes na cabeza. Aí tamén está a memoria, aínda que o título igual racha con ese primeiro pensamento das imaxes das que saen os poemas.

Agora que entendín o proceso, estou funcionando así. Igual saco o móbil e tiro unha fotografía, para logo vela e volver a esas cousas que me provoca. Logo creo que o bonito, dentro do proceso, é que ao final acaba noutra imaxe, porque o que xurdiu para min dunha cousa rematou nas mans de Clara Honorato, que o colleu e o reinterpretou. Non fixo un acompañamento nin unha ilustración, senón un traballo propio que se acoplou ao final moi ben grazas tamén á edición de Wladimir, pois a miña idea era que as imaxes fosen no medio, non intercaladas.

Por outra banda, ten importancia a forza visual, con aspectos como que os versos máis clásicos vaian á esquerda e os menos convencionais á dereita, case como un pé de foto, que leas e sexa como un "zasca" de realidade.

Como se elaborou a relación coas imaxes de Clara Honorato?

Eu intentei darlle moita liberdade. Non a coñecía de nada, localiceina por Instagram e escribinlle pouco antes de que Urutau dixese que si. Sabía que quería imaxes no libro e pensei que as podía facer eu, mais despois decateime de que precisaba darlle ese traballo a alguén. A ela sígoa desde hai moito e atopei certa conexión coas súas imaxes, que son sempre brumosas, teñen como dúas capas, moi marcadas no libro. Ao tempo, posúen un toque de positividade, aínda que sexa desde a melancolía.

"Para min, o mellor do libro é o texto de Iolanda Zúñiga"

Cando me respondeu (aínda tardou) mostrouse moi a favor. Foi no confinamento e resultou complicado traballar. Tirou algunhas fotografías, mais outras eran do seu arquivo persoal. Das 80 que me mandou escollín unhas 20, devolvinlle a escolma e pasámosllas á editora. Gustoume moito esa idea da dobre portada, é moi bonito o contraste do exterior máis luminoso coa parte interna máis negra. Deulle unha estética moi chula coa que non contaba, aínda que me dá mágoa, porque tapa un pouco o texto de Iolanda Zúñiga, que para min é o mellor do libro. 

Ademais do pasado, interésame a concepción do futuro que agochan versos como "Perdín quen era entón / o futuro era unha fraude" ou "Todo vai caducar / todo / incluso o eu irreverente xeito / de crer que todo vai caducar".

Unha cousa que intentei evitar é o cinismo. Cando vives o desamor pasas por unhas fases  inevitábeis: pena, tristura, decepción... E tamén o cinismo de dicir "tampouco me importaba". Caduca pero segue aí, igual isto é un intento de escavar, de quitar- lle a terra de enriba á memoria e reivindicar que todos nos equivocamos. Preocupábame moito que non transmitise reproches. Segundo quen, como e cando se mire algo, as cousas cambian.

O futuro é unha eiva, sempre. A moda do carpe diem na miña xeración levábase moi metida dentro. Pero hai pouco púxenlle aos meus fillos O club dos poetas mortos e eles están noutro sitio. Están de verdade no presente, a miña xeración penso que mira máis para o pasado.

Comentarios