Imprimir

Ángel Carracedo: "É vital reter o talento e atraer o de fóra para crear riqueza en investigación"

Susana Rois | 13 de xaneiro de 2020

(Foto: Arxina)
(Foto: Arxina)
Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) é Catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela e un dos expertos máis prestixiosos do mundo no campo da xenómica. No seu empeño está transmitir o seu saber investigador pero tamén unha forma de ser e estar no mundo.

Galiza é un bo sitio para investigar?

Cando empecei a traballar, hai máis de 40 anos, Galiza estaba infradesenvolvida. Non había infraestruturas. Agora hainas e estamos á altura de Europa. Non temos os seus recursos nin masa crítica para interactuar ben co contorno, pero beneficiámonos de que o mundo cambiou. É máis global. A investigación xa non é individual, é colaborativa e faise en equipo; e isto facilítanos as cousas aos que estamos afastados. No ámbito da Biomedicina boto de menos Organismos Públicos de Investigación. Todo o esforzo vén da Universidade e do Sistema de Saúde. Ademais, o investimento estatal é deficitario e historicamente inxusto co noso territorio. 

Cales son os problemas reais de investimento en Investigación e Desenvolvemento (I+D)?

O Estado español gasta pouco en investigación, 1,4% do PIB. Galiza gasta menos, 1%. A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) fixa 2% para 2020 cando Euskadi xa inviste 2,8%. As diferenzas son cada vez máis grandes. O problema real é de dependencia do gasto público. Temos un déficit moi importante de I+D privado. É moi reducido. E máis na Galiza, onde hai moita pequena e mediana empresa pouco concienciada da mellora que pode achegarlle o I+D para ser máis competitiva. Estamos en desvantaxe a respecto doutros territorios onde o gasto privado supera o público e contribúe de xeito notábel á investigación.

Cara a onde orientou Galiza os seus recursos?

A Universidade impulsou centros de excelencia temáticos onde as investigadoras interaccionan nun ambiente de liberdade. Creáronse institutos de investigación médica, estruturas mixtas entre o sistema universitario e o sanitario. A Xunta optou por modelos de compra pública innovadora máis de estímulo do sector privado. Con pouco, fixéronse cousas positivas, pero aínda somos un territorio moi pobre en investigación.

Tamén en persoal investigador?

É vital reter o talento e atraer o de fóra. É a máxima prioridade. E non me fan caso cando digo isto! Cómpre un esforzo moito máis grande para captar investigadoras. Aquí hai grupos de elite mundial, cientificamente moi atractivos. Galiza, per se, tamén o é; pero hai que ofrecerlles facilidades, carreiras estábeis, claras, ben definidas, con capacidade de progreso e cunha remuneración acorde co que fan. Se retés e atraes talento, creas riqueza. Eu vexo moita desorganización, figuras investigadoras distintas, contratos variados e dispersos; pero sen futuro. Faltan estruturas sólidas, avanzadas, e unha carreira investigadora profesional. 

Con todo, a produción científica ofrece grandes resultados.

Somos os que máis nos esforzamos e os que máis rendemento lle sacamos aos poucos recursos que recibimos. Esa inxustiza histórica da que falaba serviu para espelirnos e buscar outras formas de supervivencia. Durante a crise, os fondos diminuíron pero a produción aumentou, especialmente no seo dos grupos máis grandes, máis organizados e diversificados, como o meu.

Somos máis de 130 persoas e vivimos moito dos servizos -forense, diagnóstico, xenómico-, unha fórmula que nos deu estabilidade e nos fixo inmunes ao impacto deses anos máis críticos que acabaron con moitos grupos pequenos faltos de estrutura e recursos para seguiren sendo competitivos. 

E como chegan á xente os logros dese esforzo investigador?

Os descubrimentos son reais e importantes, pero non sempre gozan da repercusión que merecen. Temos un problema grave de translación e visibilización. Todos os avances científicos que se implementaron no mundo nos últimos anos no campo da xenética e da medicina forense fixéronse aquí. Como este hai outros exemplos que non transcenden, e divulgalos forma parte da nosa responsabilidade. Na Galiza somos poucos os que facemos este esforzo. A min atráeme e paréceme unha maneira fundamental de poñer en valor a ciencia e o traballo das investigadoras na sociedade.

Cal son as últimas conquistas na área da Biomedicina dentro do seu grupo de traballo?

Eu apostei por crear spin-off, pequenos proxectos con capacidade para medrar. De aí saen descubrimentos que están revolucionando a medicina, avances impresionantes en moitos sectores: en xenómica do cancro, en xenética do autismo, en farmacoxenómica e no ámbito forense. Son grupos líderes no Estado e en Europa, e están case todos xestionados por mulleres. Cando son as mellores, cómpre alentalas para que dean ese paso adiante.

Esta entrevista apareceu no nº0 de Nós Diario, que se publicou o pasado 30 de novembro.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/angel-carracedo-vital-reter-talento-atraer-fora-crear-riqueza-investigacion/20191226113727088837.html


© 2020 Nós Diario