Opinión

Ánforas

Interésame a figura da raíña Urraca. O que a documentación histórica nos permite saber descríbea como unha muller que enfrontou os modelos sociais do seu tempo e desafiou o patriarcado. Carme Pallares recolle unha carta ben singular, nela fala expresamente do maltrato psicolóxico e físico ao que a sometía Alfonso o Batallador. Xa teño escrito que chama a atención como as lendas e os relatos sobre a súa presenza e feitos esténdense ao longo da Galiza e superan con moito a memoria de calquera outro rei.

Cando escribín sobre ela, tentei ver cos seus ollos desde a torre de homenaxe do castelo de Vilasobroso, un lugar no que os nosos pés coincidiron por riba dos séculos. A ficción literaria permítenos encher os ocos que nos deixou a historia até emendar os seus erros ou intencionalidades, como a imaxe dela que nos deixou Xelmírez, deturpada. Foi así como imaxinei que se lanzaría a voar, que ela e outras soñaron “sentirse donas de si e non un simple corpo / unha ánfora fráxil ou alcouve”.

O caso é que pensando neste 25 N e lendo as novas que nesta data chegan aos xornais, recuperei esa imaxe: ánfora ou alcouve, porque así nos trata este goberno, como ventres destinados a manter uns índices demográficos axeitados para a maquinaria capitalista. Non persoas, reprodutoras. Quen sabe se xa nos imaxinan estabuladas en granxas de dubidosa hixiene. Cousifícannos, asentan as bases do iceberg da violencia. Chámanlle Lei de impulso demográfico e dela despréndese que a ferramenta para recuperar a pirámide poboacional é fomentar os nacementos. Esquecen as medidas laborais. Esquecen todas as maletas que lles agasallaron aos nosos fillos e fillas para que marchasen polo mundo adiante. Queren que nós os pairamos para eles seguir a tratalos como os paquetes teutóns dos que nos falaba Castelao, as eternas políticas migratorias alienantes e empobrecedoras.

Ánforas, raíñas que teñen por único destino e privilexio parir.

A violencia segue aquí, nas súas variadas e múltiples formas.

Comentarios