Pontón alerta dun “ERE invisíbel” sobre o sector cultural e formula medidas urxentes para impulsalo

“O sector cultural galego está a vivir un ERE invisíbel”, denunciou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante os efectos da crise e ausencia de medidas por parte da Xunta para o sector. A nacionalista exixiu ao Goberno a posta en marcha medidas urxentes que pasarían por unha "liña de axudas" para o sector, a implicación da CRTVG e reprogramar o Xacobeo 2021 para dar peso á creación cultural do país.
Ana Pontón durante o encontro telemático con representantes do sector cultural (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón durante o encontro telemático con representantes do sector cultural (Imaxe: Nós Diario)

Ante os efectos da crise sobre o sector cultural galego, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou a Xunta da Galiza nesta terza feira, 7 de abril, a pór en marcha unha serie de medidas destinadas a protexer e impulsar a creación e as industrias culturais do país.

Pontón, após manter un encontro con representantes de diversos sectores da cultura galega, pediu ao Goberno galego “a activación urxente de liñas de axudas que ficaron pendentes” e pór en marcha unha “liña específica para compensar as perdas do sector cultural” pola crise do coronavirus.

“Urxe crear”, dixo a líder nacionalista, “liñas de liquidez especificas para as empresas culturais , que sexan complementarias aos prestamos ICO e avaladas polo IGAPE”.

O terceiro punto das medidas urxentes que desde o Bloque propoñen ten que ver co papel dos medios públicos, en concreto coa CRTVG. “Debe pórse en marcha un paquete urxente de impulso á cultura que inclúa a compra de material audiovisual que estea xa realizado e impulsar a creación de novas obras”, exixiu Pontón. Así mesmo, a nacionalista instou a que na CRTVG se contrate e se poña en marcha programación cultural específica que permita que “a través da televisión e da radio poidamos escoitar en vivo música, teatro ou outras disciplinas artísticas”.

“É preciso que a CRTVG teña un papel importante á hora de promover a cultura”, reivindicou. Nun terceiro punto, e con motivo do ano Xacobeo 2021,

Ana Pontón propuxo reprogramalo para dar “peso importante ás creacións culturais propias” e instou ao Goberno a traballar xa nese camiño.

A portavoz nacional do BNG denunciou a falta dun plan da Xunta para facer fronte aos efectos da crise sanitaria no sector cultural galego.

“O sector está vendo como se cancelou toda a actividade e mais o investimento público”, dixo Pontón, “o que fai que se agrave a situación de precariedade porque a maioría das persoas deste sector non se poden acoller a ningún tipo de compensación”, denunciou.

Nese sentido, Pontón aseverou que “o sector da cultura está a sufrir un ERE invisíbel”, polo que incidiu na necesidade de desenvolver “medidas extraordinarias”.

“Vemos con preocupación que até o momento a Xunta non teña activado ningún plan nin medida específica para facer fronte a esta situación no sector cultural”, dixo Pontón, que considerou principal atender a emerxencia sanitaria mais evitar, ao tempo, “que o noso sector cultural se desplome”.

“Se algo nos recordou esta crise”, precisou a líder do Bloque, “é que precisamos a cultura para crear cohesión social, non podemos esquecer que é un sector básico da nosa economía, non a podemos descoidar nesta crise e o BNG vai traballar para que o sector saia fortalecido”.

Comentarios