Ana Pontón: "Non sabemos se vai haber eleccións, mais o BNG está preparado"

Incerteza no taboleiro estatal, coas conversas aparentemente rotas entre Sánchez e Iglesias, e actitude de agarda expectante en Rodríguez de Viguri, nos cuarteis xenerais do BNG. "Non sabemos se vai haber eleccións ou non [por un eventual fracaso da investidura do candidato socialista], mais nós estamos preparados", dixo esta terza feira na TVG a líder nacionalista Ana Pontón.

 

Ana Pontón entrevista TVG 16 de xullo de 2019
photo_camera Pontón, durante a entrevista

Pontón móvese con cautela cando é interpelada polos medios a respecto dun eventual escenario electoral no Estado. Por unha banda cualifícao de "contexto probábel", por outra alerta que en política todo é moi volátil e que o que parece hoxe imposíbel [a investidura] mañá non o é. En todo caso, unha nova convocatoria ás urnas non pillaría o BNG descoidado: nesa tesitura, "iríamos a por todas para Galiza non quedar atrás".

Nunha entrevista na TVG —non en prime time, iso sería unha rareza na televisión pública galega—, a dirixente nacionalista lamentou a ausencia dos asuntos de Galiza na discusión en curso entre as formacións socialistas e morada para a eventual constitución dun goberno de coalición. "Hai un grande nivel de infantilismo e de egos. Moitas cidadás non o entenden. E a Axenda Galega está desaparecida", dixo, en contraste con "outros territorios" que si estarían a pór as súas demandas sobre a mesa. Nese sentido, acusou Feixoo de ser incapaz de liderar "ningunha opción para conseguir para Galiza un sistema de financiamento máis xusto". O actual, precisou, fai perder ao país por volta de 3.500 millóns de euros ao ano.

Argumentou Pontón que "despois de 8 anos de discriminación de Galiza con gobernos do PP" chegou "o señor Sánchez" á Moncloa e o resultado a efectos prácticos "é máis do mesmo". Sobe o salario mínimo, razoou, mais sobe para todos os territorios por igual, en tanto que as reivindicacións galegas —a débeda en materia de dependencia, a tarifa eléctrica propia, a condonación do débito do porto da Coruña...—continúan a seren desatendidas.

Todo isto demostraría, a xuízo da líder nacionalista, "que ou está o BNG [nas institucións centrais do Estado] ou non hai Axenda Galega".

Reivindicación da política

Xa fóra da esfera estatal, Pontón foi interpelada polo hipotético retorno ao BNG dos continxentes de nacionalistas que abandonaron a organización para tentaren a aventura política da concertación con forzas políticas de ámbito estatal. "Non fago valoracións sobre os problemas doutros espazos", comezou por dicir en alusión ás convulsións vividas pola confluencia, para a seguir afirmar que o BNG é "unha forza política en remontada e que ten sempre a man tendida para todas aquelas persoas que acreditan en que o país necesita un proxecto propio e sen ataduras".

"Este país dá moito máis de si e o que está a fallar é a política. Que se necesita? Confiar no país e nas súas potencialidades", dixo, ao tempo que retratou o proxecto do BNG como unha proposta "pensada para Galiza", mais que ao mesmo tempo "mira todo o que pasa no mundo".

Comentarios