‘Diálogos desde a periferia’

Ana Pontón e Mary Lou McDonald, líder do Sinn Féin, debaten sobre Galiza e Irlanda

Esta sexta feira, no marco do ciclo organizado pola Fundación Galiza Sempre e a Fundación Coppieters.

 

Mary Lou McDonald presidenta do Sinn Féin (Niall_Carson)
photo_camera Mary Lou McDonald presidenta do Sinn Féin (Niall_Carson)

Mulleres, soberanistas e de esquerdas. Ana Pontón, portavoz do BNG e Mary Lou Mcdonald, líder do Sinn Féin partillan esta sexta feira debate e ideas no marco dos ‘Diálogos desde a periferia’, o ciclo organizado pola Fundación Galiza Sempre e a Fundación Coppieters.

Será esta sexta feira, día 20, ás 18:00 horas e contará tamén coa presenza de Xabier Macías, presidente da Fundación Coppieters e que será o encargado de moderar o encontro. Haberá tradución simultánea ao galego e o debate poderá seguirse ao vivo a través da canle de Facebook da Fundación.

Nesta conversa as dúas dirixentes falarán dos recentes éxitos electorais e do papel relevante, que todo indica que terán, na política das súas nacións nos vindeiros anos. Durante o encontro abordarán cuestións como o dereito de autodeterminación en Europa, as expectativas de avance na resolución dos conflitos de soberanía e o papel que poden xogar as institucións europeas. Mais tamén analizarán o Brexit, como está afectando a pandemia a cada unha das realidades ou do avance das ideas feministas.

Mary Lou MacDonald  (Dublín, 1969) sucedeu Gerry Adams na presidencia do Sinn Féin a principios de 2018. MacDonald é portavoz da formación no Parlamento da República de Irlanda. Con anterioridade foi eurodeputada. Comezou a militar en política de moza, no Fianna Fáil, o partido conservador creado por Éamon de Valera en 1926 como escisión do Sinn Féin. Deixou esta militancia en 1998 para, posteriormente, adherirase ao republicanismo e á esquerda que representa o SF.

Ten asumido importantes responsabilidades internas no partido republicano e é unha das persoas de peso do seu Ard Chomhairle (Executiva). “O Sinn Féin non é un culto, estamos listos para gobernar para o pobo”, manifestou para se referir á vontade do partido de cambiar a política irlandesa. Non oculta que gostaría de ser a primeira presidenta republicana da República de Irlanda.

Comentarios