Defenderán no Congreso a conexión directa con Santiago

O BNG denuncia que o tren Lugo-Compostela tarda o mesmo que o de París-Londres

Ante a estación de tren Lugo, Pontón e Ferreiro denunciaron o “agravio” que padece Lugo en materia ferroviaria e anunciaron as medidas que defenderán no Congreso para dotar a Lugo dun “servizo do século XXI”.

PONTON E FERREIRO 2 copia
photo_camera Ana Pontón e Maite Ferreiro

A cidade de Lugo é a única de Galiza que continúa sen conexión directa coa capital galega. Unha situación que o BNG denunciou como “agravio” ante a propia estación de ferrocarrís de Lugo. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto á número un por Lugo nas eleccións xerais, Maite Ferreiro, presentaron as propostas que o nacionalismo defenderá no Congreso para reverter a falta de servizos.

Segundo Ferreiro, esta situación poderíase resolver cunha obra sinxela de 27 quilómetros de vía que conectase as paradas de Curtis e Ordes, creando un traxecto directo Lugo-A Coruña.  Así mesmo, desde o Bloque defenden que, electrificando e modernizando a liña e os trens da actual vía Lugo-Curtis, e enlazando coa liña do eixo atlántico a través de Ordes, sería posíbel realizar o traxecto Lugo-A Coruña entre 45 e 50 minutos.

Para Maite Ferreiro, esta obra pequena axudaría a solucionar o día a día das persoas que se desprazan de Lugo a Compostela por motivos laborais. Pontón cualificou de “odisea” o traxecto actual entre Lugo e Compostela, xa que “é máis rápido chegar desde París a Londres que desde Lugo a Santiago, o que evidencia até que punto falta unha visión galega de como vertebrar o territorio por tren e, de feito, os trens que pasan por esta provincia están pensados sobre todo para ir a Madrid”.

Aliás, Ferreiro e Pontón tamén se comprometeron a defender a electrificación e modernización do FEVE, que valoraron como unha opción estratéxica para o transporte de viaxeiros e de mercadorías.

Comentarios