Entrevistamos a líder da oposición no Parlamento

Ana Pontón: "Feixoo tivo seis meses para preparar o inicio do curso e non hai nada"

Co gallo da investidura de Feixoo como presidente da Xunta e do nomeamento das persoas titulares das consellarías, conversamos coa portavoz parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), para que nos expoña a súa valoración ao respecto, como ve o inicio do novo curso escolar ou cales son as solucións para a situación que se está a vivir nas residencias das persoas maiores.
alvaroballesterosEuropaPress_3253936_candidata_bloque_nacionalista_galego_bng_xunta_galicia_ana_ponton
photo_camera Ana Pontón nunha imaxe de arquivo de E. P. / Álvaro Ballesteros

Á luz dos nomeamentos e de que, dentro da continuidade, os únicos cambios que hai afectan ás áreas de sanidade e educación. Que lectura se fai desde o Bloque?
Feixoo é consciente do malestar que hai polo mal que se fixo nesas dúas áreas e con isto quere aplacalo, pero temos que ser conscientes de que o responsábel máximo do que se fixo en Sanidade e en Educación é o propio Feixoo, e que de nada valen cambios de cara se detrás non hai un cambio de políticas. O primeiro reto que van ter, xa no inicio do curso, é demostrar se hai vontade de que as cousas se fagan ben e coas máximas garantías sanitarias e académicas. E iso pasa inevitabelmente porque hai que reducir ratios e contratar máis profesorado. E hai que ter protocolos claros, non pode ser que a estas alturas non se saiba que vai pasar no caso de que se produza un gromo en calquera colexio ou instituto do noso país. Ante unha situación excepcional hai que tomar medidas excepcionais. É unha auténtica barbaridade planificar un inicio de curso como estaba a facer o PP, como se non existise unha pandemia e que teñan que ser os pais e as nais e o propio profesorado quen se estea a mobilizar. É necesario que haxa un custo extraordinario e esa responsabilidade é da Xunta.

Nunha entrevista radiofónica, o presidente de Asociación de Pedagogos e Psicopedagogos referíase, hai uns días, a situación que se creará se hai un gromo nun colexio. Que pensa que pode suceder?
No inicio desta pandemia todos diciamos que ningún goberno estaba preparado, pero non pode ser que meses despois o que estamos a ver sexa unha improvisación. Non se atendeu nin a fenda dixital, nin o problema de dar clase a distancia, que non é como dar unha clase diante dunha cámara, senón que se necesita formación e unhas plataformas para o profesorado. A día de hoxe non hai nada diso, mostra máis da incapacidade e de como durante estes seis meses o goberno de Feixoo en vez de estar preocupado por preparar o inicio de curso, estivo preocupado pola a campaña electoral. Tivo seis meses para preparar o inicio de curso... É unha auténtica irresponsabilidade.

Hai que reducir ratios e contratar máis profesorado

Se volvemos aos nomeamentos, non hai cambio ningún na consellaría de Política Social, cando hai casos de Covid-19 que están a afectar ás residencias de maiores...
É evidente que, se as dúas únicas consellarías que se renovan son Sanidade e Educación, é porque sabe que son dous dos puntos máis febles do seu goberno e que tenta eludir a súa responsabilidade. Que non interveñan no tema das residencias non deixa de ser unha labazada na cara das vítimas da Covid-19, sobre todo no ámbito no ámbito das persoas maiores. No primeiro pleno desta lexislatura levaremos adiante a petición dunha comisión de investigación para que haxa verdade, e para que non se volvan repetir estas situacións. Alármanos que despois de ver como case a metade dos falecementos por Covid-19 na Galiza eran, precisamente, nas residencias, non se blindaran eses centros. O que está a pasar en Outeiro de Rei, no Incio ou en Culleredo é un anuncio de que as cousas non se están a facer ben. Insistimos en que a Xunta, mentres dure a pandemia, debera intervir todas as residencias de maiores, garantir a atención e o persoal e as medidas sanitarias suficientes. E non pórse de perfil, como está a facer, porque é evidente que as cousas se poden facer doutra maneira. E se algo lles debemos aos nosos vellos e ás nosas vellas e coidalos ao máximo nunha pandemia na que son a parte máis vulnerábel.

Na súa valoración sobre os nomeamentos, facía referencia ás dúas vicepresidencias, das que son titulares dous homes...
A estas alturas do século XXI que haxa un goberno cun presidente e dous vicepresidentes non deixa de ser un menosprezo á loita das mulleres, e tamén toda unha declaración de intencións. Para este goberno o tema das mulleres non é prioritario, porque sabemos que a participación paritaria tamén é un compromiso coas políticas de igualdade.

Se algo lles debemos aos nosos vellos e ás nosas vellas é coidalos ao máximo

Noutra ocasión houbo dúas vicepresidencias, no derradeiro goberno de Fraga, cando precisamente Feixoo foi vicepresidente. Ve algo de paralelismo?
Si que me chama á atención, e sería fraudulento que no medio dunha crise na que o que se necesita do goberno é que este ao cen por cen para tratar as consecuencias sanitarias e económicas, Feixoo deseñe este goberno pensando en cando vai marchar. Se esa é a concepción, temos un punto máis de preocupación.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, ostenta agora tamén a titularidade de Turismo, ás portas do Xacobeo 2021. Que opina deste cambio?
O que está a dicir a Covid-19 é que necesitamos un país que produza, que teña unha industria. Seguir fiando a recuperación económica de Galiza ao Xacobeo é un erro. O turismo existe, si, e ten moito peso, pero nós levamos tempo alertando sobre as gravísimas consecuencias, nesta crise, dentro dese sector. É evidente que pandemia prexudica as expectivas que houbera no Xacobeo pero preocúpame máis que desapareza a industria e non se considere un elemento central da nosa política económica. Neste goberno desaparece a Consellaría de Industria. No medio dunha crise económica, que non exista esa consellaría e tendo en conta, ademais, a crise tan profunda do sector industrial, e coa necesidade que temos de que sexa un piar de futuro, iso chámase deixación de funcións ou é un anuncio de que non se quere exercer o poder estatutario que temos.

Preocúpame que a industria non se considere un elemento central da nosa política económica

Que espera desta lexislatura e cal vai ser o traballo do BNG?
Esperamos que haxa un goberno que rompa coa rutina e recoñeza que neste país se necesita algo máis que ir coa propaganda e con anuncios que só quedan nos titulares, e que estea disposto a traballar polo ben de Galiza. A nosa máxima preocupación é defender os intereses dos galegos e das galegas, protexer a súa saúde, e defender que este país se levante desta crise. Con ese horizonte imos traballar os catro anos. Agardo que este non sexa un goberno que siga repetindo políticas que vemos que conducen a Galiza a unha crise demográfica e a unha crise económica. Por moito que queira agochar o balance detrás da pandemia, o certo é que Galiza non recuperou tan sequera o nivel de emprego do ano 2008. Polo tanto, temos un reto moi importante. Faremos un control rigoroso do goberno, pero tamén presentaremos alternativas.

Volvamos á outra novidade da semana, alén do novo goberno, o inicio do curso escolar. Se vostede fose a presidenta, que faría agora mesmo?
O primeiro sería convocar a todos os sectores educativos, e anunciar que reducimos ratios e contratamos máis profesorado. Penso que é a noticia que toda a comunidade educativa espera e coido que, ademais, é o que merecen os nenos e as nenas deste país, porque a educación é un dos investimentos máis importantes que podemos facer e, nela, non se deberan escatimar esforzos.

Comentarios