O BNG cualifica de "intolerábel" a sentenza de Meirás e pide a Sánchez que "rectifique"

"É intolerábel que haxa que indemnizar aos Franco despois de ter usado durante corenta anos un pazo roubado aos galegos e galegas, un pazo no que a familia do ditador estivo de okupa", afirmou a portavoz nacional do BNG
Ana Pontón e Goretti Snamartín, reclamando a devolución das esculturas do Mestre Mateo (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Goretti Snamartín, reclamando a devolución das esculturas do Mestre Mateo (Imaxe: Nós Diario)

O BNG considera a última sentenza en relación ao Pazo de Meirás “inaceptábel”, ademais “dunha labazada na cara de todas as persoas que levan décadas loitando pola recuperación da memoria histórica e en contra da impunidade do Franquismo”, segundo denuncia a portavoz nacional, Ana Pontón, despois de que  a Xustiza ditaminase indemnizar aos herdeiros do ditador por recuperar un ben "espoliado ao pobo galego".

É intolerábel que haxa que indemnizar aos Franco despois de ter usado durante corenta anos un pazo roubado aos galegos e galegas, un pazo no que a familia do ditador estivo de okupa para o seu proveito e para o seu beneficio persoal, un ben dos e das galegas e se alguén tiña que pagar algún tipo de indemnización é a familia Franco”, criticou Pontón.

Para a líder do BNG, o máis sorprendente é que "un Goberno central que se autodefine como o máis progresista da historia renuncie a recorrer a sentenza en beneficio dos Franco".

“É sorprendente e inaudito que o Goberno de Sánchez renuncie a presentar recurso ante unha sentenza que branquea o Franquismo, porque asumir que hai que indemnizar á familia Franco é un branqueo e unha humillación para calquera demócrata. E por iso desde o Bloque pedímoslle ao Executivo central que rectifique e que dea instrucións á avogacía do Estado para que recorra unha sentenza que é intolerábel, que repugna a calquera demócrata e que supón un branqueo do Franquismo”.

“Desde logo, se eu fose presidenta da Xunta estaría recorrendo esta sentenza vergoñenta e inasumíbel", concluíu Pontón.

Comentarios