Ana Pontón aspira a liderar o BNG desde "un proxecto colectivo"

A portavoz nacional presenta en Compostela a sua candidatura a encabezar as listas do BNG nas próximas eleccións galegas como aspirante á Presidencia da Xunta de Galiza. É a primeira lista que se presenta a un proceso de elección que rematará a mediados de xaneiro.
Ana Pontón, durante a presentación da súa candidatura a liderar o BNG nas próximas eleccións galegas (1)
photo_camera Ana Pontón, durante a presentación da súa candidatura a liderar o BNG nas próximas eleccións galegas. (Arxina)

Ana Pontón fará 43 anos o ano próximo e vinte desde que iniciase a súa traxectoria política como cargo con responsabilidades en Galiza Nova. A portavoz nacional do BNG, a primeira muller que ocupa esa responsabilidade, aspira tamén a repetir como candidata da formación nacionalista á Presidencia da Xunta. Pontón presentou esta cuarta feira a súa candidatura en Compostela acompañada por mozas e mozos militantes: un símbolo de futuro para un "proxecto colectivo", o que ela encabeza, como se encargou de subliñar. Pontón, que será nai nos primeiros meses de 2020, recoñeceu que someteu a decisión de volver presentarse a "un proceso de reflexión persoal" na súa contorna persoal. "Valorei os pros e os contras e finalmente dou o paso como candidata a ser quen represente un proxecto colectivo que avanzou nestes últimos anos e que é quen de ofrecer esperanza ás galegas e galegos", dixo.

A de Ana Pontón é a primeira candidatura que comparece nun proceso que se inicia formalmente o día 26 coa apertura do prazo de presentación de listas e que rematará o día 11 de xaneiro. Días despois, farase oficial o nome da candidata ou candidato nacionalista. Antes, entre os días 4 a 13 de decembro, as asembleas comarcais deberán aprobar as candidaturas. 

Ana Pontón, durante a presentación da súa candidatura a liderar o BNG nas próximas eleccións galegas (2)Baixo o lema Gañar unha nova Galiza, Pontón apelou a conseguir "unha Galiza con futuro" na que "poder traballar con dignidade", con "oportunidades, na que ninguén quede atrás". E chamou a "deixar atrás" un Goberno do PP "nefasto", que lega un país "peor do que atopou hai 10 anos", segundo informa Europa Press.

Na súa intervención, Pontón asegurou que este "reto ilusionante" busca "un cambio real no país", que "só será posíbel da man do BNG". "Estamos en condicións de conseguilo", asegura. "Temos un proxecto de país, temos solvencia e seriedade, temos equipo e temos confianza en todo o potencial que hai no país", afirmou xunto a varias mozas e mozos. É a súa aposta polo "cambio político que precisa Galiza" co fin de pedir o apoio das e dos militantes do Bloque para a súa candidatura, que presenta con "ilusión, compromiso e responsabilidade".

Ana Pontón rematou afirmando que "hoxe" o Bloque é "máis sólido, unido e cohesionado", nunha formación na que houbo "unha substitución xeracional".

Comentarios